‘As Neves’, dirixida por Sonia Méndez, preestreouse na Fonsagrada, a vila onde se rodou o filme

A ópera prima escrita e dirixida por Sonia Méndez, ‘As Neves‘ celebrou a preestrea na Fonsagrada (Lugo), a vila onde se rodou, previa á súa estrea comercial en cines o vindeiro 10 de maio. A directora, Sonia Méndez, manifestou a súa “enorme emoción” por presentar a película no lugar onde foi rodada e para agradecer a toda a xente da Fonsagrada o apoio e colaboración durante as semanas que estiveron rodando.

Ela e mais a produtora Nati Juncal Portas, as dúas socias fundadoras de Cósmica Producións, foron as mestras de ceremonias do acto de presentación do filme ao que acudiron os actores e actrices protagonistas: Andrea Varela, David Rodríguez, Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez, todos mozos e mozas galegas sen apenas experiencia diante da cámara. Asistiu tamén a actriz Lucía Veiga, unha das intérpretes profesionais que completan o reparto.

No acto tamén interviu o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, que destacou o importante valor económico e promocional dunha rodaxe coma a de As Neves, que durante dous meses no inverno de 2022 trouxo un equipo de máis de 50 persoas a rodar á vila. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, sinalou a importancia de que as preestreas dos filmes feitos en Galicia se celebren nos lugares onde se rodaron, e o director de proxección social da CRTVG, Xaime Arias, gabou a traxectoria da directora e da produtora, que aínda que esta é a súa primeira longametraxe de ficción, “non pararon de recoller premios” por outros traballos audiovisuais en dúas décadas de carreira.

O filme é un drama adolescente ambientado nunha vila ficticia chamada As Neves, —trasunto da Fonsagrada (Lugo)— que se achega con mirada íntima á xeración moza que vive no contraste entre a hiperconexión e o illamiento. Unha produción de Cósmica Producións en coproducción con Aquí y Allí Films, coa participación de RTVE, CRTVG e CREA SGR, a colaboración de HBO, o financiamento do Ministerio de Cultura (ICAA), o Instituto de Crédito Oficial e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Chegará ás salas de cine o vindeiro 10 de maio da man da distribuidora Sideral.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego