‘As Neves’, de Sonia Méndez, estréase este venres en 24 salas de cine

A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida por Sonia Méndez, chega este venres aos cines con presenza en 24 salas logo de celebrar onte a súa estrea comercial nos Cantones Cines da Coruña, cun pase especial presentado polo equipo da película, ao que acudiron moitas caras coñecidas do mundo do cinema e da creación de contido en internet.

Estrea comercial

Sonia Méndez, directora, e Nati Juncal Portas, produtora, de Cósmica Producións, xunto cos novos actores e actrices noveis do filme, deron a benvida ao público que encheou a sala no que é o seu primeiro pase nun cine comercial logo da súa presentación no Festival de Málaga e da preestrea a semana pasada na Fonsagrada, a vila onde se rodou As Neves. Agradeceron tamén a presenza da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, da deputadas da Deputación da Coruña de Igualdade e Lingua, Soledad Agra, e de Cultura, Natividade González, así como do director de contidos da Televisión de Galicia, Fernando Ojea.

Ademais do elenco principal, encabezado por Andrea Varela, David Rodríguez, Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez, boa parte do equipo artístico e técnico do filme acudiu á estrea, na que non faltou unha boa representación de cineastas, músicos e creadores de contido dixital. Nomes como os cineastas Álvaro Gago e Feirouz Serhal, os músicos Nuno Pico de Grande Amore, Anxela Baltar de Bala, a cantante Hydn ou a artista drag Marisa Pisa, ou creadoras de contido en internet como Sara Seco, Prado Rúa, Leti da Taberna, Carlos Vieito e Belén Puime.

As Neves

O filme é un drama adolescente ambientado nunha vila ficticia chamada As Neves, —trasunto da Fonsagrada (Lugo)— que se achega con mirada íntima á xeración moza que vive no contraste entre a hiperconexión e o aillamento. Unha produción de Cósmica Producións en coproducción con Aquí y Allí Films, coa participación de RTVE, CRTVG e CREA SGR, a colaboración de HBO, o financiamento do Ministerio de Cultura (ICAA), o Instituto de Crédito Oficial e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego