A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) e o Consello da Cultura Galega (CCG) celebraron a xornada de traballo “Criar en galego”. O encontro reuniu representantes políticos e técnicas de normalización lingüística dos concellos da Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Val do Dubra, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois e Santiago de Compostela, xunto con vinte familias destes concellos que forman parte do programa Apego, destinado a promover a crianza e a socialización en lingua galega.
Durante a xornada, as familias analizaron a dispoñibilidade real de produtos, contidos e servizos en galego no ámbito familiar. A iniciativa, desenvolvida no marco do acordo de colaboración que veñen de asinar Alingua e o CCG, permitiu recoller experiencias de primeira man sobre as dificultades que atopan os fogares para empregar a lingua propia nas actividades cotiás e de lecer. A través de exemplos concretos, marcas, produtos e situacións habituais, as familias identificaron ámbitos nos que a falta de oferta limita as posibilidades de vivir e criar en galego.
A información recadada servirá de base para que o Consello da Cultura Galega deseñe un estudo cuantitativo de maior alcance e permitirá trasladar demandas concretas ao tecido produtor e empresarial.

Catro ámbitos para analizar a vida cotiá
A apertura institucional contou coas intervencións de Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Ramón Varela, presidente de Alingua; e Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega. Durante a presentación abordáronse os traballos previos desenvolvidos polas entidades e os obxectivos desta nova fase de colaboración.
Tras a benvida, as familias distribuíronse en catro mesas temáticas:
1. Pantallas, medios e referentes: abordou a oferta de plataformas de contidos audiovisuais, cinema, televisión, pódcasts, prensa, música e creación de contidos.
2. Lectura e xogo: centrouse na atención aos libros, ao cómic, ao manga, aos audiolibros, aos xogos de mesa, aos xoguetes, aos videoxogos e ás aplicacións.
3. Compras e servizos: analizou a presenza do galego desde a alimentación e a etiquetaxe ata o comercio, os produtos infantís, a banca, a telefonía e a configuración dos dispositivos.
4. Lecer fóra da casa: dedicouse ás actividades extraescolares, deportes, campamentos, aniversarios, restauración, museos e parques de lecer.
Observación nos fogares e propostas compartidas
As vinte familias participantes realizaron un traballo previo de observación nos seus fogares co apoio do caderno Vivir en galego en familia. Nel recolleron carencias prioritarias, boas prácticas e mensaxes dirixidas ao sector empresarial, que serviron como punto de partida para o diálogo nas mesas.
Para favorecer a diversidade de experiencias e puntos de vista, as persoas que acudiron en parella participaron en grupos de traballo distintos. A sesión rematou cunha posta en común e un debate plenario no que se priorizaron as necesidades detectadas e as propostas máis urxentes.
O encontro realizouse o sábado 7 de novembro na Casa das Asociacións de Santiago e contou cunha ludoteca con actividades de lecer atendida por monitoras durante toda a xornada, co fin de facilitar a participación das familias, a conciliación e tamén a socialización en lingua galega de vinte crianzas entre os 2 e os 8 anos.




