As Festas do Apóstolo volven cunha programación “inclusiva e para todos os públicos”

A semana que vén, Compostela encherase de celebracións. No Pazo de Raxoi, a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou o programa deste ano das Festas do Apóstolo que arrancará o vindeiro venres 19 de xullo co tradicional pregón a cargo dunha persoa vinculada a Compostela cuxo nome será anunciado este venres.

Dakidarría, Femi Kuti & the positive force, Harlem Gospel Travelers, Maro, Mercedes Peón ou Antònia Font, son algúns dos artistas que encherán de música as prazas da cidade, nunhas festas nas que non faltará tampouco o folclore, orquestras, circo, danza, cabezudos, alboradas xunto cos tradicionais espectáculos pirotécnicos o 24 e o 31 que completan o programa desta edición. Ademais, as populares atraccións estarán na Alameda entre o 19 e o 31 de xullo con tres días de horario inclusivo sen ruído para que poidan ser accesibles a todas as persoas.

A imaxe das festas

Pilar Lueiro presentou a imaxe das festas deste ano, realizada pola deseñadora Lidia Cao, da que destacou o “protagonismo das mulleres e a súa mirada” na súa obra e recordou que “un dos seus murais foi elixido en 2022 entre os 15 mellores do mundo” así como que conta con obras en lugares como Guinea ou Hong Kong, e por suposto en Compostela, “como o que pintou o pasado ano no IES de Sar, que foi ademais o instituto no que estudou”.

Pilar Lueiro tamén destacou que se trata dun programa de festas para “desfrute da xente mirando de xeito especial para a nosa veciñanza, as nosas festas son un escaparate dos e das nosas artistas, da produción propia”.

Grandes concertos na Quintana

Os grandes concertos celebraranse unha vez máis na praza da Quintana, comezando pola mesma noite do pregón, cando actuará o grupo Dakidarría. Outros nomes que pasarán pola Quintana son Femi Kuti & the positive force (luns 22), Harlem Gospel Travelers (martes 23), Zenet (mércores 24), Maro (xoves 25), Mercedes Peón (luns 29), Uxía Senlle, Ugía Pedreira, Carmen París e Martirio-concerto Enredadas (martes 30) e Antònia Font (mércores 31).

Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, o venres 26, e o concerto da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola solista Ana San Martín, o sábado 27.

Outras citas que acollerá esta praza serán as xornadas de Folclore galego, o sábado 20, e unha mostra e obradoiros de danza urbana na mañá do domingo 21. Ao longo da xornada do venres 19 terá lugar a terceira edición da Feira do Vestir “de onte a hoxe”, con obradoiros, pasarelas e actividades para a cativada, no marco do programa do Día do Traxe Galego, que se desenvolverá ao longo do domingo 21 e que segundo anunciou Pilar Lueiro, será presentado nunha rolda de prensa específica.

Diversos espazos de cidade

O parque de Galeras acollerá un ano máis un ciclo de oito concertos para todos os gustos, por onde pasarán artistas como Lusardi e Boa Sunet (martes 23), C. Mirazo (mércores 24), Sr. Salvaje (xoves 25), Ailá (26 xullo), Carolina Rubirosa (sábado 27), Malabesta (domingo 28), Capital Voskov (luns 29) e Apart (domingo 30). Neste mesmo espazo tamén terá lugar a proposta teatral ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’, do grupo Chévere (martes 30) e o espectáculo circense ‘Cigani 100%’ da compañía Antón Coucheiro (mércores 31).

A praza de Mazarelos tamén servirá de escenario para varias citas musicais: Pío k trio & Hyness (venres 26), Socorro Lira (sábado 27), e varias actuacións no marco do concerto ‘Peregrinos Musicais’. Tamén acollerá o espectáculo circense ‘Cualquier verdura’ da compañía Chimichurri (luns 22).

Como novidade, este ano o Ensanche compostelán súmase ás Festas coa celebración na praza Roxa do ‘Santiago Gaming’ o sábado 20, un evento para os amantes dos videoxogos, e do ‘SUF Santiago Urban Fest’, un festival pioneiro de música urbana que nace dos Orzamentos Participativos da área de Xuventude do Concello e que contará coa actuación de 24 artistas emerxentes, o sábado 27 de xullo.

Ademais, Pilar Lueiro anunciou que a explanada do estadio Vero Boquete acollerá o sábado 20 un espectáculo de drons dentro dos actos do 30 aniversario de Cidades Patrimonio, e as persoas amantes da danza tamén poderán gozar das propostas artísticas dos bailaríns e bailarinas chegados desde diferentes lugares para participar no espectáculo ‘Danza no camiño’ na praza de San Martiño Pinario o vindeiro 19 de xullo.

Outras citas tradicionais

A concelleira recordou que non faltarán citas tradicionais do Apóstolo, como o XLVI Torneo de chave, o Día de Padrón, a Festa do Escalo de Chaián, as orquestras ou as populares atraccións, que estarán na Alameda ata o 31 de xullo; así como as tradicionais alboradas, a comparsa de cabezudos que percorrerá as rúas da cidade histórica na mañá do 25 de xullo e os Fogos do Apóstolo nas noites do 24 e do 31.

Ademais, como novidade, Pilar Lueiro adiantou que “para o día grande, o Día do Apóstolo, haberá animación todo o día, xa que a charanga TNT percorrerá as rúas da cidade de 17 h a 20 h”. Tamén volverá un ano máis o TRAD FEST, que se desenvolverá ao longo do domingo 28 no parque de Bonaval.

Actividades para todas a idades

O Parque Eugenio Granell acollerá o vindeiro 23 de xullo, unha xornada de divertimento dedicada especificamente á cativada de Compostela, a Festa Pícara. Trátase dunha xornada que contará con actividades variadas de teatro, música, títeres, obradoiros na lingua propia e poñendo en valor a cultura do país e achegando os pequenos e pequenas á lusofonía a través da música.

Ademais desde o día 21 ata o 30 de xullo varios espazos da cidade acollerán un ciclo ‘Cinema Compostela’ de cine ao aire libre, no que se proxectarán seis películas recentes do audiovisual galego para público infantil e adulto: ‘Salta!’ , ‘O Corno’ , ‘As Neves’, ‘Cuñados’, ‘Amigos ata a morte’ e ‘Honey Moon’.

Puntos Lila

A concelleira recordou que haberá dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. A caseta lila da Alameda estará aberta todos os días dende o 19 ao 31 de xullo entre as 20:00 e a 01:00 horas. Este ano tamén se sumará un Punto Lila na praza Roxa, que estará aberto o día 27 de xullo, en horario de 19:00 a 23:00 horas e persoas itinerantes que ofrecerán información durante os concertos que se celebrarán no parque de Galeras.

A edila tamén recalcou a existencia dun horario inclusivo sen ruído nas atraccións da Alameda os días 20, 27 e 30 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas, ademais de que se lle solicitou “a baixada de decibelios durante todos os días e horario restante”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego