As ‘fake news’ da saúde dental, este mércores baixo a lupa do doutor Simón Pardiñas

Falsas expectativas no dentista e fake news – Que esperar dun tratamento dental’ é o novo programa que emitiremos este mércores en ‘Dentalk! Saúde bucodental en galego‘ co doutor Simón Pardiñas. Neste programa, Pardiñas abordará a perigosidade dos remedios caseiros, dos riscos de tomar por certo todo canto vemos nas redes sociais e de que expectativas debemos ter ante un tratamento dental.

O programa poderás velo este mércores ás 21 horas no 119 de R e ás 18 horas no youtube. Se tes algunha dúbida ou achega, podes deixala nos comentarios.

Queres saber máis do doutor Pardiñas?

O doutor Simón Pardiñas, que exerce como odontólogo na súa clínica na Coruña, foi o creador da canle dental de YouTube con máis visitas do mundo no 2020, superando os 100 millóns de visitas. Os seus vídeos atópanse en trece idiomas diferentes para chegar a todos os recunchos do planeta, como o español, inglés, portugués, francés, alemán, italiano, ruso, chinés, árabe, xaponés, hindi, hebrero e galego. Precisamente o galego é unha das apostas da súa clínica dental, promovendo as nosas raíces e a lingua da nosa terra. Estamos a falar ademais da única clínica dental que conta con páxina web en galego.

Ademais dos mencionados 100 millóns de visitas, a súa canle de youtube supera hoxe en día as 329.000 persoas subscritoras, acadando uns 250.000 visitas diarias. Estas cifras fixeron ao proxecto merecedor da insignia de prata de Youtube, un recoñecemento que lles permitiu ademais utilizar os estudos de gravación desta compañía na súa viaxe a Nova York.

A insignia de Youtube non foi o único premio que recibiu este proxecto audiovisual. A Clínica Dental Pardiñas tamén foi recoñecida coa medalla de ouro Digital Health Awards, un galardón que recoñece os mellores medios dixitais no campo da saúde. Igualmente, foi finalista de Youtubeir@s 2019, o galardón que busca dar apoio á creación e difusión de vídeos en galego.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego