As conexións da lusofonía e Galiza, este sábado en Tomiño

A Deputación de Pontevedra e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) celebran este sábado unha gala-espectáculo en Goián, Tomiño, para celebrar as conexións culturais da lusofonía e Galiza facendo especial fincapé no territorio transfronteirizo do Miño. O evento, que será conducido pola xornalista da TVG Esther Estévez (presentadora do ‘Dígocho eu!’), contará coa música de Uxía e a participación de convidadas sorpresa, tanto en directo como en liña.

O título, ‘A república dos soños’, inspirado na novela da escritora recentemente falecida Nélida Piñon, servirá tamén coma un homenaxe urxente á escritora, coa que a organización do evento estaba a colaborar para a celebración da actividade.

O guión foi elaborado por Tino Santiago e Alberto Mancebo, que subliñan que a gala “é máis un espectáculo ca unha disertación” e explican que se trata dun percorrido polo mundo cultural dos países que falan portugués. Contarase con convidadas ilustres, conexións internacionais e música, para descubrir “que somos países diferentes… pero non somo estranxeiros”. Entre as intervencións estarán o historiador Ramón Villares, o xornalista Julián Rodríguez ou Carmen Villarino, entre outras iniciativas e sorpresas, como un espazo de falsos amigos entre o portugués e o galego.

As persoas interesadas en asistir presencialmente ao acto poden reservar a súa praza en info@igadi.gal, que será concedida por orde de solicitude, xa que a capacidade é limitada.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego