Culturgal 2026 abre a súa programación o xoves 26 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra co espectáculo musical e cultural ‘As Cigarreiras’ que terá lugar ás 21 horas con retirada previa de entrada.
O espectáculo recrea a revolta das cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Palloza (A Coruña), esquecida na historia, que as enfrontou á patronal o 7 de decembro de 1857, nun conflicto que as convertiu nas precursoras da negociación colectiva por disturbio.

Presentación do espectáculo
O Centro Maruxa Mallo de Pontevedra acolleu a presentación de ‘As Cigarreiras’ coa presenza de Isabel Risco, actriz que encabeza o elenco interpretativo; Luís Bolón, director de Cántigas da Terra, e Camilo Franco, director de Culturgal.
Isabel Risco asegurou que “estamos ante un gran proxecto colectivo desde o punto de vista artístico e de producción, que serve ademais de homenaxe a unhas mulleres bravas que loitaron polos seus dereitos cunha revolta pioneira en 1857”.
Camilo Franco destacou “a oportunidade que supón para o público de Pontevedra ter acceso a este espectáculo e a este xénero”, mentres que Luís Bolón agradeceu “a aposta pola cultura de base de Culturgal” e recalcou “a complexidade dunha producción que combina música, teatro, baile e coros”.
Máis de 100 artistas no escenario
‘As Cigarreiras’, co patrocinio do Concello da Coruña, é un grande espectáculo musical e teatral que reúne máis de cen artistas no escenario. A proposta xorde da unión da Banda Municipal da Coruña, dirixida por Juan Miguel Romero Llopis, e o Coro Galego Cántigas da Terra —con dirección e arranxos musicais de Luís Bolón, texto orixinal de Carlos Ares e monólogo de Paula Carballeira— e conta tamén coa participación do Grupo de Baile Santaia.
Conta cun destacado elenco interpretativo encabezado por Isabel Risco, quen encarna a María Pena Barreiro. Xunto a Risco actuarán outros nomes coñecidos da escena profesional galega: Victoria Pérez, Manuel Fernández, Jose Losada, Alberte Bello, Áurea González e Miguel Fernández. O equipo deste espectáculo inclúe a Estefanía Gómez e Iván Villar, que asumen a dirección de movemento. A escenografía corre a cargo de Suso Montero e a coordinación xeral recae na produtora Marta Horjales. A parte técnica complétase con Rubén Montes (responsable de son), Héctor Naveira (Iluminación) e José Luis Vázquez (vestiario).
Sinopse
A Fábrica de Tabacos, corporación fundamental da economía coruñesa desde mediados do século XIX, foi escenario das primeiras loitas sindicais protagonizadas por mulleres que se libraron naquela altura en toda Europa. A revolta das cigarreiras, esquecida na historia, enfrontounas á patronal o 7 de decembro de 1857 nun conflicto que as convertiu nas inventoras da negociación colectiva por disturbio.




