As mulleres da música galega encherán o escenario no día do broche final desta 49ª edición da Festa do Queixo de Arzúa que se celebrará o 2 e 3 de marzo. Tanto a presenza das mulleres no cartel do Festival como a da música en galego marcan o orgullo co que o equipo do Concello de Arzúa presentou unha nova edición dun dos eventos máis sonados do país.
O alcalde do Concello de Arzúa, Xoan Xesús Carril, lembrou que este Festival é un “motor fundamental da economía da zona e patrimonio cultural do Concello como a nivel galego” xa que foi declarada festa de interese turístico de Galicia en 1999. Carril destacou tamén a importancia da música con concertos para todas as idades tanto no escenario como nas rúas da vila e de obradoiros e xogos de mesa e tamén salientou a figura da pregoeira María Vázquez nomeada por segunda vez aos premios Goya.
Programación artística
Pola súa parte, o director do Festival do Queixo, Alberto Alfonso, desgranou polo miúdo a programación artística do festival, que contará con 7 actuacións entre sábado e domingo, 5 galegos e dous estatais (ver horarios). O sábado Tu Futura Exmujer, gañadores do ‘Queixo Maquetón’ (21:30 h), La Plazuela (22:25 hs), Arde Bogotá (00:20 h) e Grande Amore (02:05 hs).O domingo De Vacas (12:30 hs) Guadi Galego (18 hs) y Fillas de Cassandra (19:50 hs). Tamén fixo fincapé no sistema de acceso, que como o ano pasado será gratuito ate completar aforo 3.300 persoas.
Guadi Galego, artista festival do queixo 2024
Na súa quenda, Guadi Galego declarouse moi contenta por estar por segunda vez nun día onde as mulleres galegas van poñer o broche á festa. “Será un concerto dunha autora galega de 50 anos con 25 de carreira, unha consagración de que estamos vivas como o queixo de Arzúa, e un espectáculo dirixido a todo aquel que se queira achegar a música galega sen filtro”.
Pequequeixo e moitas máis actividades
O edil de Cultura, José Luís García, destacou o torneo Chess&Cheese así como a figura da pregoeira María Vázquez e doutro artista, Xan Veiga, quen celebra o 30 aniversario da súa primeira actuación profesional e será nomeado Arzuán do ano xunto ca xornalista e cooperante pola igualdade de xénero Paula Fernández.
Destacou outras actividades como o 7º Festival Pequequeixo, e as actividades nos pasacalles e no recinto feira multiusos “terra do queixo”. Nese senso, en canto a o recinto feiral, deuse un cheo absoluto de postos (quedando fora algúns expositores interesados, facendo un total de 68 expositores dos que 53 son queixerías (9 DOP Arzúa Ulloa e 6 co certificado de produto lácteo tradicional) os horarios serán 11 a 20:30 e o domingo de 10 a 18:30 h. O domingo de 12:00 a 13:30 h haberá un punto de atención a infancia para que os pais poidan deixar aos nenos atendidos e eles dar un paseo e mercar tranquilos.
O ano pasado bateu o récord en pezas e en vendas
Desde que comezou a certificación en 1997 a DOP Arzúa-Ulloa puxo no mercado máis de 75M de quilos de queixo. Contan con 1.500 explotacións gandeiras das cales máis de 860 en activo no 2023. A DOP é novamente a primeira DOP en produción e venda de queixo en Galicia e tamén a primeira nos queixos elaborados con leite de vaca en España.