O Concello de Arzúa ultima todos os detalles para a celebración da Festa do Queixo que arrancará este sábado, 2 de marzo. Ante a expectativa de recibir nesta 49.ª edición do Festival un elevado número de visitantes, especialmente na noite do sábado 2, e a pesares da previsión climatolóxica, a organización da festa decidiu colocar unha pantalla Led de grandes dimensións neste punto céntrico e estratéxico da vila, próximo ao campo da feira onde se celebra o festival, para que todas as persoas que se acheguen poidan desfrutar dos concertos de Tu Futura Exmujer, La Plazuela, Arde Bogotá e Grande Amore.
Debido á demanda de público prevista, o festival instalará unha pantalla próxima aos concertos ao vivo, que son de acceso libre e gratuíto e para os que non fai falta reservar entrada nin invitacións. Tal e como se indica nas condicións de acceso, publicadas na páxina web e redes sociais do evento, desde a apertura de portas, o sábado ás 21 h, poderase entrar libremente ata completar a capacidade, as veces que se queira e pasar, e tamén facelo con comida.
En palabras de José Luís García, concelleiro de Cultura, “a normativa sobre a Organización de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia di que se debe controlar a capacidade no espazo dispoñible e os accesos nas rúas polas que se accede. Aínda en eventos sen acoutar, existe a obriga legal de controlar a dita capacidade en función no só do espazo onde se desenvolve propiamente o espectáculo, senón tamén en función da amplitude das rúas desde as que se accede”.
Neste senso, faise fincapé en que o motivo de que o recinto estea perimetrado e se realice control de asistentes, establecido nun máximo de 3.300 persoas, é evitar posibles avalanchas, e que no interior se introduzan vasos de cristal, botellas ou calquera obxecto perigoso. Así, no festival non se fai máis que cumprir co reflexado no Plan de Autoprotección ao que obriga a lei, debendo ter en conta a capacidade de evacuación do propio espazo.
É por iso, continúa o concelleiro, que “desde a festa encárgase un PAU (Plan de Autoprotección) porque para o festival temos unha carpa que abrangue mais de 1.500 persoas, polo que se está a cumprir estritamente coa normativa vixente. Deixamos as rúas adxacentes sen ocupar como vías de emerxencia para garantir que estean baleiras en caso da necesidade da chegada de medios de emerxencia, e por iso se delimita a contorna, do contrario sería perigoso e ilegal. O que determina o aforo, é a superficie para o público e esta capacidade de absorción destas vías de evacuación, que é o número base co que se fai o cálculo da capacidade de 3.300 persoas.
Como se dixo onte por parte tanto da Subdelegación do Goberno como dos mandos da Garda Civil na Xunta Local de Seguridade, onde puxeron en valor o bo facer da organización da festa en canto a medidas de seguridade e prevención para o éxito do evento, Arzúa destaca como un “concello seguro” e considérase un referente a seguir para toda Galicia.