Arranca en Compostela o foro ‘A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga’

A Deputación da Coruña e a Rede da GaliLusofonia botan a andar o foro de coñecemento ‘A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga’, que contempla seis meses de palestras, visitas guiadas, teatro e música en ambas cidades. A idea central é, segundo explicou a deputada María Muíño “promover o coñecemento e socialización colectiva e compartida do pasado, da historia propia”.

A deputada fixo fincapé nos contidos deste foro de coñecemento salientando “as palestras programadas sobre os nomes de lugares, sobre a plena normalidade da lingua galega portuguesa na Baixa Idade Media, a respecto da lírica, sobre Inés de Castro, da construción do reino Suevo ou das estratexias para a restauración da unidade galego- portuguesas”. Unha idea na que tamén incidiu o coordenador xeral da Rede da GaliLusofonía, Gonzalo Constenla quen asegurou que, precisamente esta etapa histórica foi “a expresión do maior esplendor da lingua galego-portuguesa, sobre todo como lingua artística a través da lírica”. Constenla enmarcou esta iniciativa no programa de actividades que desde a Rede da GaliLusofonía e da Escola Oficial de Idiomas promoven tanto para promocionar e difundir a lingua galego-portuguesa, como para prestixiala e recuperar o patrimonio cultural común da Galiza e Portugal.

Programa Compostela

Xaneiro
Día 17, 19.30h, na EOI de Santiago. Palestra: O nome dos lugares. As intervencións monárquicas na toponimia galego-portuguesa con Gonzalo Navaza, profesor titular de Literatura Galega na Universidade de Vigo.
Día 31, 19.00h, no Centro Sociocultural de Vite. Teatro: Terra de Raíñas, con Os Quinquilláns. A vida cotiá do século XIII e os conflitos da sucesión dinástica de Afonso VIII en favor de Sancha e Aldonça.

Febreiro
Día 28, 19.30h, na EOI de Santiago. Palestra: A plena normalidade da lingua galega-portuguesa na Baixa Idade Media, con Francisco Rodríguez Sánchez, estudoso e investigador da realidade galega: historia, crítica literaria e sociolingüística

Marzo
Día 14, 17:30h, na Catedral de Santiago. Visita guiada: Unha catedral para un reino, con Ramón Yzquierdo Peiró, Director técnico – Conservador do Museo da Catedral de Santiago de Compostela.
Día 28, 19.30h, na EOI de Santiago. Palestra: Lírica galego-portuguesa, a poesía dun Reino, con Mariña Arbor, filóloga, investigadora e profesora na Universidade de Santiago.

Abril
Día 18, 20:30h, Riquela Club. Concerto de LaMontagne & PicoAmperio. Música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip-hop e poesía/poesia.

Maio
Día 2, 19:00h, no Castelo da Rocha Forte (Compostela). Visita guiada: Castelo da Rocha Forte, Do control do territorio á revolta con Mario César Vila, doutor pola Universidade de Santiago, a súa actividade pivota entre a xestión e a difusión de proxectos culturais, do patrimonio e a arqueoloxía.

Programa Braga

18 de xaneiro. Casa do Conhecimento, Largo do Paço
9.30h. Abertura da xornada
10h. Palestra: Inês de Castro, a política e a lenda, con Alicia Díaz Balado, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e escritora.
10.45h. Palestra: Estratexias para a restauración da unidade galego-portuguesa na Baixa Idade Media, con Francisco Rodríguez Sánchez, estudoso e investigador da realidade galega: historia, crítica literaria e sociolingüística.
11.30h. Café
12h. Palestra: Os suevos e a construción do primeiro reino xermánico de Occidente, con Luís Amaral, profesor da Faculdade de Letras da Universidade do Porto, especializado en Historia Medieval de Portugal.
14.45h. Visita guiada à Sé e à Capela dos Reis e São Martinho de Dume e São Frutuoso, con Luis Fontes, arqueólogo da Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho.
18h. Concerto de Xoan Curiel coa arpista Bleuenn Le Friec: “Treides comigo!”. Proposta musical a partir de cantigas medievais galaico-portuguesas

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego