Arranca ‘Canteira de igualdade’ para que mozos e mozas sexan axentes de cambio feminista

Este sábado iniciáronse as xornadas encadradas no programa “Canteira de igualdade” da Deputación abre o prazo para que 20 mozas e mozos de ensino secundario da provincia reciban formación específica en igualdade. O programa ten o obxectivo de formar axentes de cambio feministas, crear “canteira” e impulsar unha mocidade partícipe do cambio. O curso, de 50 horas de duración, completa a primeira quenda do programa que tivo lugar no último trimestre de 2022 en centros de ensino de Baiona, Cangas, O Grove, As Neves, Redondela, Salvaterra e Vigo e na que participaron xa máis de 400 mozas e mozos.

Programa de formación

Neste curso de “Canteira de Igualdade” desenvolveranse diversos módulos que abranguen os conceptos básicos de formación feministas a través de 40 horas de formación presencial e 10 horas de traballo práctico orientado, coordinado e avaliado. Entre as cuestións que se abordarán, cos títulos de “Nin barbies, nin malotes”, “A división sexual do traballo”, “Sex Education: o corpo e a sexualidade”, “Paracetamor para benamar: a división sexual do amor”, “Redes sociais”, “O lado máis escuro” e “Historia do feminismo”, inclúense conceptos básicos como xénero, patriarcado, androcentrismo, sexismo, machismo, feminismo, violencia machista simbólica e material e linguaxe non sexista. Tamén outros relacionados coa socialización diferencial, a lei do agrado, os coidados, a dependencia e a submisión, a feminidade tradicional, os mandatos da masculinidade, a masculinidade hexemónica e as masculinidades alternativas. Tamén afondarase na división sexual do traballo, a corresponsabilidade, a sexualidade e os seus modelos, o corpo e a tiranía da beleza, o pracer feminino e o desexo, a diversidade, o amor, o uso consciente das redes sociais, os ciberdelitos, as relacións virtuais, o abuso na rede, a pornografía e a prostitución, o mito da libre elección e o feminismo e a súa historia como motor de transformación.

Formadoras

A formación será impartida por mulleres especialistas nas materias como Chis Oliveira, experta en educación afectivo sexual, impulsora do proxecto coeducativo “Comando Igualdade”, ou Priscila Retamozo, politóloga e coordinadora de “Comando Igualdade”. Tamén estarán Luisa Abad, Premio á Innovación Educativa en prevención da violencia de xénero; Amada Traba, con máis de tres décadas de experiencia asesorando no campo da socioloxía de xénero e políticas de igualdade; Silvia Pérez, investigadora social especializada en Violencia de Xénero; Cristina Louzán, especializada en teoría feminista e prevención da violencia cara as mulleres; Mónica Baleirón, especializada en igualdade, xénero e educación; e Lola Varela, profesora de Ensino Secundario de Lingua Castelá e Literatura cun premio polo traballo “Mellorando a convivencia entre iguais”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego