Ari(t)mar entrega os premios da súa décima edición

Con mais de 6.000 votos emitidos o público da gala aRi[t]mar escolleu cales foron as Mellores Músicas do ano 2024 na Galiza e en Portugal: Quererse ben, de Mondra, foi a Mellor Música do 2024 na Galiza, no ámbito do territorio luso, o tema elixido como Mellor Música do 2024 en Portugal é Amor de Ferro de Diogo Piçarra e Pedro Abrunhosa. A votación popular tamén decidiu que o poema “Onde imos agora” (Des a mar, Edicóns Embora, 2024), de Elba Pedrosa, foi o mellor do ano 2024 na Galiza, e igualmente, “não sei voar mas tenho” (Matar os Dinossauros. Cordel d’ Prata, 2024), de Cátia Cardoso, foi o mellor poema do ano 2024 en Portugal. As catro voces galardoadas recollerán o premio e actuarán na gala aRi[t]mar 2025, que se presentou este mércores no Pazo de Raxoi en Compostela e que se celebra o xoves 30 de outubro no Auditorio de Galicia a partir das oito da tarde e que conducen Tati Moyano e Xurxo Souto.

Esta edición conta tamén co premio honorífico que será entregado ao Municipio de Braga en recoñecemento da súa destacada traxectoria de promoción do diálogo cultural entre Galiza e Portugal e de fortalecemento dos vínculos dentro do espazo común da lusofonía.

Ari(T)mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural, que vai pola súa décimo edición, desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O seu obxectivo é divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais para achegar mutuamente a cultura e a lingua de ambas as dúas rexións no marco do fortalecemento dos vínculos coa lusofonía e na promoción do ensino do portugués.

 

 

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego