Os premios Ari(t)mar de poesía e música, que coordina a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, completaron o seu palmarés co galardón de poesía galega e portuguesa. No primeiro, o galardón vai para a ourensá Arancha Nogueira con MAMÁ fala en linguaxes de documentos predeterminados mentres que Maria Isabel Fidalgo gañou con Se de repente perto fosse um verbo.
O fallo salienta que o poema de Nogueira “profunda no universo poético que a autora propón na súa obra Antese. Aquí, a poeta asume o papel de filla para falar da súa nai e faino cunha cadencia entre o cotián e o puramente metafórico”. O traballo de Fidalgo, pola súa banda, “parece unha colección de anhelos que xorden dun condicionante que a autora pon encima da mesa coa intención de facer voar a súa imaxinación, ou quizais a súa memoria, até o centro da paixón que esperta o contacto humano”.
O pasado 29 de marzo, a organización dera a coñecer o fallo da categoría musical, que foi para II. LISÍSTRATA (varre vasoira), das Fillas de Cassandra como mellor tema galego. No ámbito portugués, a mellor música de 2022 foi Maçãzinha, da agrupación portuense Retimbrar en colaboración coa mosense Uxía.
A organización do certame, ademais, outorgoulle o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022 á Associação José Afonso. A entrega dos galardóns realizarase o vindeiro mes de outubro nunha gala que se celebrará no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.