Arancha Nogueira, autora destacada pola AELG neste mes de decembro

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) nomea a Arancha Nogueira como escritora destacada do mes de decembro. Licenciada en xornalismo, cursou tamén un mestrado en Literatura comparada e Crítica Cultural. Forma parte da plataforma de crítica literaria feminista A Sega.

Nós Televisión tivo a oportunidade de entrevistala no mes de marzo de 2020. A relación entre a poesía e o momento que se vivía naquel entón, baixo a pandemia, centraron a conversa.

Arancha Nogueira participou de multitude de obras colectivas e xa conta cunha salientábel obra poética editada. Andar descalza (Concello de outes, 2013), O único lugar onde ficar inmóbil (Editora Urutau, 2018), Spleen en catro tempos (Toxosoutos, 2018), A comparsa (Leite Edicións, 2019), Os ourizos (Leite Edicións. 2019), #hashtags para un espazo / confinamento agónico (Ed. Positivas, 2019 e 2021) e Dente de leite (Xerais, 2020), son as súas obras editadas até o momento. É tamén autora dunha novela de temática xuvenil, A mestra corremundos (Cuarto de inverno, 2021).

Videopoema Mar de muller.

Recibiu tamén numerosos premios: o Premio de poesía Francisco Añón en 2013 por Andar descalza; o III Premio de Poesía Rosalía de Castro de Cornellá en 2013; o de poesía da Universidade de Vigo en 2016 polo poema (A)fogar, o premio de poesía do Concello de Ames en 2017 por Para ser de ti e en 2019 por crac; o premio literario Mazarelos da Universidade de Santiago de Compostela en 2017 por O aniversario, e en 2018 por mapa mudo; o II Premio de poesía Xuventude Crea en 2017 por Romaría; recibiu o accésit do premio Francisco Añón en 2018 e foi finalista do premio Florencio Delgado Gurriarán en 2018 por Taxidermia; recibiu tamén o XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu en 2019 por O silencio das gaivotas, o XIII premio de Poesía Victoriano Taibo en 2021 por Antetese, foi finalista do certame Ari(t)mar co poema #love en 2021 e na Primavera videoloteraria do Val Miñor xunto a Emilio Carral co videopoema recordas? en 2021.

 

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego