‘Aquí tamén se fala’, ‘CeibaRimas’, o programa ‘Elos’ e ‘Recuncho Gamer’, Premios Mil Primaveras

O xurado dos Premios Mil Primaveras decidiu outorgar os catro premios desta quinta edición aos seguintes proxectos: Aquí tamén se fala (que busca implicar o alumnado na promoción da lingua no seu contexto social), CeibaRimas (que procura normalizar o uso da lingua entre a mocidade a través do improvisación oral), Elos. Engánchate ao galego! (unha iniciativa de voluntariado lingüístico para facilitar a práctica do galego en ámbitos informais) e Recuncho Gamer (un proxecto audiovisual de divulgación en galego sobre videoxogos).Aquí tamén se fala (IES Rafael Dieste, A Coruña)

É unha iniciativa nacida en 2023 que implica activamente o alumnado para concienciar o conxunto da sociedade sobre o uso da lingua e que nos últimos meses xa se espallou por 200 centros por todo o país. O xurado salientou a súa planificación, con obxectivos xerais e específicos moi ben definidos e medibles, o feito de converter as persoas destinatarias en axentes implicadas no proceso e que sitúa o galego como elemento de integración e cohesión social.

CeibaRimas (Merenda Creativa)

É un proxecto que busca dinamizar o uso do idioma entre a mocidade introducíndose no ambiente da xente máis nova a través dos espazos de improvisación oral, o coñecido como freestyle ou rap improvisado. O xurado destacou que é un proxecto que promove o uso oral da lingua asociándoa a un estilo musical que conecta coa xente moza. Tamén salientou que inclúe valores como a igualdade, a inclusión e o respecto, que ofrece obradoiros e recursos e que favorece a socialización.

Elos. Engánchate ao galego! (Concello de Santiago de Compostela)

É un programa de voluntariado lingüístico co obxectivo de reforzar con conversa informal a formación do alumnado que se achega ao galego desde outras linguas. O xurado salientou que parte da necesidade das persoas usuarias doutra iniciativa formativa, favorece a socialización e a integración da poboación que quere aprender a nosa lingua e contribúe a mellorar a escasa oferta formativa para persoas adultas.

Recuncho Gamer (Recuncho Gamer)

É un proxecto audiovisual que divulga de forma amena contido sobre videoxogos, entendéndoos como un produto cultural no cal converxen moitas artes. O xurado salientou que leva o galego a un ámbito estratéxico e moi atractivo para un sector da poboación, que desbota prexuízos e estereotipos de xénero e que incide na cultura popular do momento, onde é moi necesaria a presenza da nosa lingua.

O xurado dos Premios Mil Primaveras de 2023 estivo formado por Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, Irene Romero Iturralde, docente, Lorena García Álvarez, deseñadora gráfica, Cláudia Morán Mato, xornalista, e Paula Soto Viñas, técnica de normalización lingüística do Concello de Moaña.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na difusión dos proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a divulgalos, os proxectos premiados están xa dispoñibles para a súa consulta detallada no web milprimaveras.gal. Tamén co mesmo obxectivo de divulgar e recoñecer, a CTNL organizará un acto público de entrega de premios.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego