Aprobado o novo PXNL cos votos do PPdeG e PSdeG

O novo Plan Xeral de Normalización Lingüística quedou aprobado este mércores no Parlamento de Galicia cos votos favorables do PPdeG, PSdeG e Democracia Ourensana, mais cos votos en contra do BNG.

Con este paso, péchase unha etapa de diálogo político arredor do galego que arrancara en maio de 2024. Este proceso culmina cun novo PXNL que aglutina 700 medidas que actualizan o antigo documento de 2004 e mantén o modelo lingüístico das últimas lexislaturas.

A maiores, esta aprobación do PXNL deuse cun consenso entre populares e socialistas. Os dous partidos uniron forzas arredor dun pacto que inclúe, entre outras medidas, unha suba orzamentaria para as políticas lingüísticas.

O punto máis polémico: o ensino

A partir de agora, os centros educativos poderán decidir impartir as materias científicas en galego. O único requisito é que se siga preservando a cota do 50% para cada lingua, exactamente como ata o de agora.

A resposta da oposición e da rúa

O BNG rexeitou rotundamente o plan por consideralo un retroceso respecto ao histórico documento de 2004. Mentres se votaba no Parlamento, fóra, a Mesa pola Normalización Lingüística concentrábase baixo o lema “Non prohibades o galego”.

Coa votación rematada, o debate sae do hemiciclo e volve a unha rúa que xa respira ambiente preelectoral, situando de novo a lingua e a identidade cultural no centro do taboleiro.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego