O Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, as tres universidades galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Confederación de Empresarios de Galicia conformarán o Observatorio Paz Andrade, que xa ten a luz verde do Consello da Xunta para a súa posta en marcha.
Esta entidade, que dará cumprimento ao establecido na Lei Paz Andrade aprobada polo Parlamento Galego en 2014, buscará asesorar como “foro de diálogo permanente” en todo o que ten que ver coa lusofonía. Tamén busca fomenta o coñecemento das linguas, propor intercambios con países lusófonos e estreitar todo tipo de relacións cos países de fala portuguesa.
Na rolda de prensa posterior a esta aprobación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que a creación deste Observatorio supón “un paso máis no estreitamento das relacións co mundo da lusofonía”.