A Xunta de Galicia amosou hoxe o seu total apoio ao sector mineiro galego. Esta mañá, o coñecido como lobby mineiro presentou na Cidade da Cultura as súas propostas de divulgación e promoción recollidas baixo o selo Minaría Sostible de Galicia, a marca que levan meses impulsando para contrarrestar o aumento de críticas polas desfeitas mineiras en Galicia.
O evento acolleu a máis de cen asistentes pertencentes a empresas mineiras, enerxéticas e relacionadas coa actividade extractiva e alí, a Xunta amosou a súa adhesión á causa da minaría en Galicia. O acto contou coa presenza de Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria; e quixo salientar o suposto motor económico que supón este sector para o noso país. Nin palabra por parte do conselleiro sobre a enrome repulsa social que veñen xerando proxectos como os de Corcoesto, Touro, San Finx, ERIMSA ou Triacastela.
Fronta ás críticas recibidas polo sector ao longo dos últimos anos, Diego López, director da Cámara Mineira de Galicia lamentou que “a minaría está en perigo” e que o sector está sometido a unha constante “campaña de desinformación”.
Propaganda pagada con diñeiro público
A adhesión da Xunta de Galicia fica evidenciada claramente ante a nova e agresiva campaña de enxeñaría social que veñen de lanzar a Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Xunta para realizar un “lavado de cara” dos graves impactos ambientais da minaría e a enrome repulsa social.
Trátase dunha nova campaña audiovisual centrada na cativada infantil, primaria e secundaria coa que se procura xerar un estado de opinión favorável cara a minaría, ocultando os desastres ambientais causados até a atualidade e a falta de aplicación efetiva da lexislación en materia de medio ambiente.
Mentres a administración dedica grandes esforzos e recursos públicos a estas campañas de enxeñaría social ducias de explotacións mineiras continúan sen restaurar ou, o que é peor, se convirten en focos agravados de contaminación como ilustran as minas-vertedoiro de Miramontes, Casalonga ou Touro, na contorna da capital galega.