Antonio Manuel Fraga, autor destacado pola AELG no mes de xaneiro

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) nomea como autor destacado do mes de xaneiro a Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976).

Ainda que estudou Enxeñaría Técnica Industrial, o seu gusto pola lectura levouno a lanzarse ao mundo da escrita. Autor de varias obras dirixidas ao público infantil e xuvenil, a súa inclinación pola literatura fantástica fíxoo merecedor en 2015 do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica pola novela Querido H.P. Lovecraft (Urco Editora). Por esta obra acadou tamén o Premio da Crítica Galicia de Creación Literaria en 2017. 

Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Roald Dahl ou Michael Ende marcaron dalgún xeito a formación autoral de Antonio Manuel Fraga. Tamén afirma sentir unha “extraña debilidade” por J.D. Salinguer e Julio Cortázar.

En 2013 gaña o Premio Merlín de literatura infantil coa obra O Castañeiro de Abril (Xerais). Con O bestiario científico de Anxos Nogueirosa obtén o I Premio “María Victoria Moreno” de Literatura Xuvenil en 2018 e o premio da Gala do Libro Galego á mellor obra xuvenil en 2019. Obterá o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2020 coa obra Santoamaro (Xerais).

Hai determinados autores que, segundo afirma, “alimentan” a súa obra: os relatos curtos de Borjes, Cortazar ou Bolaño e as novelas de Salinguer, Capote ou Sábato. Buscar achegarse á riqueza deses textos é algo que o anima a seguir escribindo.

 

Outros títulos de Antonio Manuel Fraga dirixidos ao público infantil e xuvenil, son Xildas (Sushi Books), Tártarus (Xerais), O capitán Maimiño (Tambre-Edelvives) ou No corazón da balea (Tambre-Edelvives).

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego