A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de nomear a Antía Yáñez como a autora destacada deste mes de agosto. A escritora, nada en Burela en 1991, é Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos pola Universidade da Coruña, mais nunca exerceu como tal. Actualmente xestiona unha academia en Cecebre (Cambre), o que lle permite poder estar en permanente contacto coa escrita.
Yáñez é coñecida pola súa habilidade no relato curto e a novela. En 2018 gaña o Premio Illa Nova de Galaxia con ‘Senlleiras’ e o I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade de Baía edicións con ‘A reconquista’. En 2019 publica Be Water, novela greenpunk xuvenil finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, baixo o selo de Urco Editora. En 2020 publica ‘Plan de rescate‘ coa editorial Xerais (III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade) e, neste 2022, ‘Non penses nun elefante rosa‘.