A irlandesa Anne MacSwiney funda a columna de Cork do Cumann na mBan, unha organización de mulleres que logo se unirán ao IRA, forma parte do movemento sufraxista, crea as escolas Scoil Íte en Cork impulsando a lingua e cultura irlandesa. En definitiva, MacSwiney é unha militante activa no nacionalismo irlandés que tamén fixo de ponte de unión co nacionalismo galego a través da Xeración Nós.
Anne MacSwiney na revista Nós
O compromiso de Anne MacSwiney co nacionalismo irlandés marca o desenvolvemento da súa vida, incluída a súa aparición no número 8 da revista Nós, un especial monográfico sobre Irlanda.
Nese artigo, Anne narra a vida do seu irmán Terence MacSwiney, o alcalde de Cork polo Sinn Féin que, logo de falecer durante unha folga de fame en prisión, foi símbolo da resistencia irlandesa. Anne MacSwiney non só potencia a memoria do seu irmán escribindo artigos, senón que tamén realiza xiras de denuncia polo mundo enteiro.
A situación política en Irlanda desemboca nunha guerra civil e a familia MacSwiney queda no lado perdedor. Anne, xunto coa súa irmá Mary, fundan as Scoil Íte en Cork na que desenvolven a educación en gaélico. Anne MacSwiney, que protagoniza folgas de fame e foi activa nas organizacións nacionalistas irlandesas, é unha das mulleres da revista Nós.
Unha produción de NósTelevisión
Traballamos a súa memoria coa catedrática de Filoloxía inglesa na UDC María Jesús Lorenzo Modia e o doutor en Filoloxía galega Alberto Allegue. Tamén contamos co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o historiador Afonso Vázquez-Monxardín e a filóloga e secretaria da Fundación Castelao, Patricia Arias Chachero.
Este capítulo forma parte de #Nosoutras a serie documental de Nós Televisión que, co patrocinio da Deputación de Ourense, narra a vida das mulleres da revista Nós. A serie documental presentada pola ourensá Eira Losada consta de tres capítulos dedicados a Anne MacSwiney, Francisca Herrera e Margot Sponer.