Andrea Maceiras naceu na Coruña en 1987. Licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica, doutorouse por esta última especialidade na Universidade da Coruña.
Publicou a súa primeira novela en 2007, titulada Proxecto Bolboreta. Con esta obra, foi gañadora do I Certame de micronovela do Concello de Soutomaior, comezando deste xeito unha prolífica carreira literaria durante a que recibiu múltiples galardóns.
Conta que sendo moi nova o primeiro que escribiu foron contos e relatos cos que agasallaba á súa irmá no nadal e outras datas sinaladas. Os primeiros certames literarios aos que se presentou déronlle, segundo as súas palabras, “moitos pulos para seguir adiante”.
Referentes da súa obra
Do mesmo xeito que para outros compañeiros de xeración, Agustín Fernández Paz, Xavier P. Docampo e Fina Casalderrey, foron os autores que despertaron a súa vocación leitora. Sempre lembra o momento no que por primeira vez tivo o cartón da biblioteca do seu concello, Cambre, e a ledicia que sentiu ao se “achegar a un lugar que estaba cheo de libros” e poder escoller os que quixera.
Andrea Maceiras escribe fundamentalmente para crianzas e adolescentes, por iso unha das liñas da súa escrita xira en torno á procura da identidade. Interésanlle tamén os procesos de evolución e as reflexións transcendentais “que se fai todo ser humano”.
Premios e obra
En 2009 gañou o premio Meiga Moira con Violeta tamurana. En 2012 publica O segredo do lagarto arnal, e un ano despois Nubes de evolución, finalista do premio Fundación Caixa Galicia, nomeado mellor libro xuvenil nos Premios Fervenzas Literarias. Miña querida Sherezade, obra gañadora do premio Meiga Moira, publícase en 2014. Tamén nese ano saca do prelo Volverás, golfiño, finalista do Premio Merlín. En 2015, gaña o premio Jules Verne con Europa express. En 2018 gañou o Premio Lazarillo á creación literaria por Conta nove estrelas. Nese mesmo ano é finalista do Premio Raíña Lupa por O que sei do silencio. En 2020 gaña o premio Merlín de literatura infantil con A folla azul. Faise co XV premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña en 2021 coa obra Que se me pare o corazón se te esquezo.