Ana López-Suevos: “Chegan menos denuncias de violencia sexual desde a centralización en Santiago”

A finais de decembro de 2021, publicábase o Protocolo de actuación sobre delitos sexuais elaborado por un equipo multidisciplinar coordinado por Ana López-Suevos desde o Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela. Cinco anos despois, a maxistrada destaca diversos avances nos procesos xudiciais neste tipo de delitos pero tamén advirte da baixada do número de denuncias de violencia sexual desde a comarcalización dos xulgados de violencia de xénero en Santiago, onde se aglutinan oito partidos xudiciais: Santiago, Padrón, Negreira, Ribeira, Arzúa, Ordes, Noia e Muros.

Non é a única advertencia da maxistrada que tamén coloca a atención nas violencias que sofren as persoas maiores, unha violencia invisibilizada sobre a que se atopa nestes momentos traballando cun grupo interdisciplinar.

López-Suevos tamén é coñecida por ser a instrutora de casos mediáticos como unha das ramificacións da coñecida Operación Pokemon, investigación xudicial sobre presunta corrupción iniciada en 2012. López-Suevos denuncia a presión mediática á que xuíces e xuízas se ven sometidas simplemente por levar a cabo o seu traballo, algo que considera “intolerable” e que, nunha ocasión, levouna a cursar unha baixa por ansiedade. “Expúxoseme publica e mediaticamente dunha forma tremenda“, lamenta.

A maxistrada tamén aborda o uso do galego na xudicatura. Critica que aínda non conten con elementos básicos como a disposición do programa informático de traballo en galego e explica ante as cámaras de Nós Televisión o traballo extra que isto supón no día a día xunto á importancia de que o galego se normalice no sector da xustiza.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego