A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela recíbenos no Museo de Historia Natural situado no Parque Vistalegre. Ana Cabana asumiu o seu cargo en abril de 2026 no marco da constitución do novo equipo de goberno liderado pola reitora Rosa M. Crujeiras Casais e, nestes primeiros seis meses, xa adoptou medidas de calado como a reapertura do Pazo de Montenegro na cidade de Lugo.
“A ninguén se lle pasaría pola cabeza renunciar ao edificio do Reitorado en Santiago, non podemos facer unha escolla diferente no que ten que ver coa cidade de Lugo”, sentencia Cabana que defende a importancia do vínculo entre patrimonio, comunidade universitaria e pobo.
A vicerreitora Ana Cabana tamén nos debulla a radiografía lingüística da USC. Se ben as ciencias da saúde segue a ser onde menos se utiliza a nosa lingua mentres que as ciencias sociais e xurídicas sitúanse no campo onde maior uso ten. Indica tamén que dende finais dos anos 80 vense a notar unha suba no uso do galego por parte do profesorado pasando do 16 por cento ao 33 por cento actual.
“Temos un compromiso moi firme con ser un ente galeguizador“, sostén Ana Cabana que aposta por darlle un pulo ao galego como lingua científica. “Non é unha lingua calquera, é unha lingua na que se investiga e se ensina nun centro tan prestixioso como a USC”.
Ana Cabana valora a lusofonía tanto a nivel lingüístico como cultural. “Outra vía moi importante para convencer á nosa comunidade da utilidade do galego é a lusofonía”.
Cabana tamén fai fincapé na idea de transferencia, “o que investigamos ten que valer”, e a divulgación, “o que investigamos ten que chegar á xente”. Neste apartado destaca unha labor non tan coñecida como debería da USC que é o sostemento de tres museos: un, virtual; un, en Lugo, a Domus do Mitreo; e o Museo de Historia Natural en Santiago.
Preguntada por un fito que deixar en legado, Ana Cabana destaca que os avances non son froito de ningunha heroicidade individual senón do empeño e do traballo colectivo.



