A irmandiña Amparo López Jean, a primeira muller en afiliarse ao Partido Galeguista na Coruña, convértese nun bastión da II República. Como secretaria xeral do Grupo Feminino Galeguista, axudou a fuxir aos galegos tras o golpe de Estado.
Emilia Docet, nomeada Miss España en 1933, aproveita a súa proxección pública para difundir as ideas galeguistas e instar á aprobación do Estatuto de Autonomía. “A maior alegría da miña vida será o día no que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”, falaba Docet que tamén interveu no Mitin das Arengas o 24 de xullo de 1934. Para achegármonos a ela, entramos no teatro para ver sobre o escenario a obra ‘Miss Docet’ da man da actriz e dramaturga Iria Pinheiro.
Irmás na Fala
Irmás na Fala é unha serie de 4 capítulos, realizada por Nós Televisión e producida pola Real Academia Galega co apoio do Concello da Coruña. A narración da serie enlíñase a través das biografías de cinco figuras destacadas do movemento: Micaela Chao Maciñeira, a “irmá pioneira”; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.
A serie conta coa participación da historiadora Encarna Otero, o historiador Xosé Alfeirán, as académicas correspondentes Ana Romero Masiá e Goretti Sanmartín; a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo; os filólogos Emilio Xosé Ínsua e Dolores Vilavedra; o deseñador Pepe Barro; a actriz Iria Pinheiro Santos, creadora da obra Miss Docet; e Felipe Ruíz de Miguel, sobriño neto de María Miramontes e o seu home, o editor de Nós e rexedor republicano de Santiago de Compostela Ánxel Casal.