José Blas García Piñeiro entrou no Concello de Ames hai agora 10 anos. Facíao como concelleiro a pesar de non concorrer na lista electoral, por mor da renuncia de todos os membros da candidatura, nuns momentos moi convulsos para o PSOE municipal. Desde aquela, moitas cousas cambiaron, tanto no partido como no municipio. No 2021 foi nomeado alcalde de Ames, novamente sen presentarse ao posto, tras a renuncia como rexedor do seu compañeiro José Miñones por ser nomeado Delegado do Goberno en Galicia. Tras as últimas eleccións municipais do 2023, lidera o goberno en minoría, centrado nas políticas pensadas para as persoas, e procurando chegar sempre a acordos e diálogo cos grupos da oposición.
As políticas para a mocidade e tamén para a xente maior, serán unha das prioridades deste mandato, no que os socialistas pretenden poñer en marcha un plan de soidade cero, por exemplo e iniciativas que avancen na conciliación.
O alcalde asegura sentirse moi orgullo tamén da actividade cultural que se desenvolve no Concello, un municipio que deixou de ser cidade dormitorio de Santiago para afianzarse como un concello prestador de todo tipo de servizos. A creación dunha Empresa Pública da Auga e doutra empresa municipal que xestione e recade os tributos serán tamén medidas clave no futuro inmediato, ademais de seguir apostando por un rural coidado e por un turismo tranquilo.
A nivel galego, despois dos malos resultados do PSdeG nas eleccións galegas de febreiro, Blas García Piñeiro é optimista. Considera que o resultado electoral foi moi malo, pero que o partido aprendeu a lección para camiñar cara ao afianzamento dun líder. “Nos últimos 15 anos, no PSOE en Galicia adicámonos a cortarlle a cabeza ao candidato, e iso fixo que os galegos e galegas non albiscasen a ninguén de referencia no partido”. O alcalde de Ames considera que iso agora vai cambiar, e con Xosé Ramón Gómez Besteiro se vai asentar un proxecto de Galicia e para Galicia. “Non podemos seguir tendo candidatos ou representantes do partido que sexan os delegados do goberno de Pedro Sánchez. Temos que ter unha politica propia e pensar e defender o noso”, defende.