O tecido empresarial do concello de Ames ten unha alta especialización nos sectores audiovisual e tecnolóxico. Empresas punteiras e líderes nestes ámbitos en Galicia escolleron este concello para desenvolver a súa actividade nos últimos anos, fomentando así o talento emerxente e a dinamización do tecido produtivo local.
A boa situación do polígono industrial do Milladoiro, as conexións con toda Galicia, así como o diálogo e facilidades que mantén o Concello coas empresas que se asentan no seu territorio, fai que sexa un lugar atractivo para elas.
O Concello de Ames organizou este martes un encontro nas instalacións do Espazo A Proa das empresas audiovisuais e tecnoloxicas que están ubicadas neste municipio para poder coñecerse mellor entre elas e tamén poder saudar aos representantes municipais, poñer en común inquedanzas e necesidades do sector, así como a posibilidade de crear novas sinerxías entre todos e aproveitar os recursos dos que dispón o concello.
No encontro participou o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Emprendemento e Atención e Participación Veciñal, Ana Belén Paz García; e un nutrido número de representantes das empresas.



