O sector audiovisual crea en Galicia “máis de 4.000 postos de traballo e aglutina a máis de 700 empresas”, o 75% delas na provincia coruñesa, razón pola que o Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, poñen en marcha o ‘Ames AV LAB’.
O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, asinaron esta semana o convenio de colaboración polo que a Deputación aportará 160.000 euros, o 80% do orzamento total do proxecto, mentres que o Concello de Ames achegará 40.000 euros, o 20% restante. Deste xeito, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames investirán, de xeito conxunto, 200.000 euros para a creación do ‘Ames AudioVisual LAB’, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio.
‘Ames AV LAB’ busca transformar e avanzar cara a nova produción audiovisual, competitiva globalmente e adaptada ás tendencias e demandas do consumidor, para o que vai desenvolver prácticas innovadoras e estratexias transformadoras. Este acelerador audiovisual estará situado no Milladoiro nas instalacións do Coworking ‘A Proa’ da rede provincial de espazos de traballo colaborativo, dará soporte a un total de 15 proxectos, que serán seleccionados a través dunha convocatoria que se publicará proximamente.
Os criterios de valoración da selección terán en consideración buscar a promoción de proxectos diversos e inclusivos. Do mesmo xeito, priorizarase a incorporación daqueles que teñan o idioma galego como lingua vehicular e estableceranse mecanismos que garantan unha representatividade equilibrada de xénero e para a incorporación de persoas mozas menores de 30 anos ao sector.
Os destinatarios do proxecto son novos creadores do sector con proxectos non iniciados, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan data de inicio de rodaxe prevista. Poderán participar curtametraxes, longametraxes, series, documentais de creación ou participativos, narrativas inmersivas e de realidade virtual e outros contidos audiovisuais e de carácter dixital fundamentalmente narrativos, primando o alcance local e provincial.
Ademais, os participantes poderán optar a unha convocatoria de bolsas que conta con 70.000 euros de orzamento, seleccionando sete proxectos que poderán recibir unha axuda de ata 10.000 euros que deberán destinarse á creación e desenvolvemento da súa proposta.
Por outra banda, en cada convocatoria os proxectos apoiados participarán nunha academia denominada ‘AV School’ na que se desenvolverá un programa formativo que consta de nove dominios: creación e desenvolvemento, produción, posprodución, financiamento e patrocinio, marketing, dereitos, desenvolvemento de audiencias, distribución e comercialización e workshops técnicos. Cada un dos dominios contará cunha serie de obradoiros impartidos por profesionais expertos na materia.