AMEGA rendeu homenaxe a Valentín Lamas Carvajal e o seu Tío Marcos da Portela

O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, gabouse en Ourense de que o uso da fala “contra vento e maré, cumpre os desexos” do fundador do primeiro xornal en galego, Valentín Lamas Carvajal, que deveceu porque non haxa “un curruncho na nosa patria onde non se oia o noso melosiño lenguaxe, e así serán os novos cimentos dun porvir cheo de gloria”, segundo dixo. García Fernández interveu na homenaxe celebrada no Liceo de Ourense “lonxe” daquel Días das Letras Galegas de 1972 adicado a Lamas Carvajal pero como celebración do 147 aniversario da publicación do primeiro parágrafo do xornal que fundou, “O Tío Marcos da Portela”.

Na homenaxe estiveron tamén o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, a tataraneta do homenaxeado, Ana Malingre, o expresidente AMEGA, Henrique Sanfiz, e o cronista da cidade de Ourense Alfonso Vázquez Monxardín.

Foto Rosa Veiga

Na súa intervención, o presidente explicou que en Galicia está “consolidada” unha rede estable de medios de comunicación en galego, un total de 140 que, non só usan o galego como lingua vehicular senón que difunden “información de todo tipo con ollada galega e así o resto do mundo se entera do que acontece en Galiza e do xeito de vivir en galego”.

Dez anos de AMEGA

Neste ano 2023, según lembrou o expresidente, hai dez anos que naceu a asociación, que desde 2018 acordou declarar e celebrar o día 7 de febreiro como o Día dos Medios en Galego, por ser a data da publicación de “O Tío Marcos da Portela”, primeira publicación periódica escrita integramente en galego. A declaración institucional daquela foi lída no Parlamento de Galicia polo seu presidente Miguel Santalices e tivo o respaldo de todos os partidos políticos.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego