As alumnas e alumnos do Programa para Maiores da Universidade de Vigo (PUM) exercerán de “embaixadoras e embaixadores da ciencia e do coñecemento” nun ciclo de charlas que se enmarca dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i da UVigo. A actividade comprenderá relatorios de catro estudantes sénior deste programa que, acompañados e asesorados por persoal investigador de cada un dos eidos, terán lugar en cafetarías e bares das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.
“O obxectivo é aproveitar a experiencia e o gran capital humano que acumula o alumnado”, explica a coordinadora do Programa para Maiores da UVigo, Carmen María Abreu. “Son persoas que teñen unha gran capacidade comunicativa e poden transmitir o seu coñecemento de forma máis directa, achegando as súas vivencias e tamén obstáculos e limitacións, e como conseguiron superalos. É unha actividade altamente gratificante para todos os que participan”, afirma. Mentres que as e os relatores teñen a oportunidade de converterse en divulgadores e aprender conceptos básicos de cultura científica, engade, as persoas asistentes poden seguir aprendendo e verse reflectidos.
Tres charlas, unha en cada campus da UVigo
En total serán tres charlas abertas ao público interesado. Comezarán en Pontevedra o vindeiro 20 de xuño, na cafetaría La Gramola ás 18.00 horas. O alumno Amancio Castro falará das Herbas de San Xoán, tendo en conta a súa próxima celebración. Para preparar esta exposición, Amancio contou coas achegas da investigadora Eugenia López de Silanes, doutora en Ciencias Biolóxicas e profesora titular na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, que estará presente no relatorio.
A seguinte cita será en Ourense o 26 de xuño ás 17.00 horas, en El Cercano. Desta volta, baixo o título Como emprender: historia dunha pequena empresa familiar, o faladoiro estará a cargo dos estudantes Miguel Ángel Martínez e Antonia Blanes. Neste caso contaron co asesoramento de Alberto Vaquero, investigador do grupo GEN (Governance and Economics Research Network) e coordinador do PUM no campus de Ourense, quen tamén estará presente.
O programa concluirá en Vigo o mércores 28 de xuño ás 19.00 horas no Café Uf Negra Sombra, cun evento que contará tamén coa presenza da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio. Nesta cita, Pedro Javier Zunzunegui, estudante do programa, falará sobre Protección catódica de tubería e equipos enterrados, co asesoramento da propia Carmen María Abreu, investigadora no grupo Encomat, que tamén acudirá á cita.