Alingua leva aos centros de ensino figuras referentes en galego para a mocidade

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega  lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Esta guía dixital, que se pode consultar na web da Alingua recolle máis de corenta figuras salientables clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.

Referentes

Alingua enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana. Máis aló do sector cultural, o Catálogo de referentes tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez). Completan o catálogo nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón) e do activismo, representado pola performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola súa obra. Todas as persoas presentes no catálogo aceptaron previamente participar nel e colaborar así coa asociación Alingua como unha vía máis de amosar o seu compromiso co idioma.

Guía didáctica

O Catálogo de referentes complétase coa guía didáctica É túa. Pásaa! que, baixo o subtítulo Con actividades e referentes para revolucionar o teu galego, pon á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos. A guía didáctica que se atopa na web de Alingua, inclúe actividades multidisciplinares que, de forma transversal, se centran nos diferentes ámbitos nos que se clasifican os referentes. Así preténdese achegar ao alumnado a relevancia destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá e tamén nas súas creacións, investigacións, proxectos e reivindicacións.

A guía didáctica está pensada para o seu aproveitamento desde diferentes materias con contido transversal no que lingua galega é canle de expresión, traballo e creación. Ademais, inclúe accións educativas que se poden levar a cabo tanto de xeito individual como por grupos que van desde as tradicionais sopas de letras até anovadoras posibilidades tecnolóxicas, como o deseño da túa propia app para móbil en galego. A guía achega tamén un apartado de recursos en liña para poder achar máis información e atopar material complementario na Rede. Ademais desta guía, Alingua enviaralles aos centros de ensino dos municipios adheridos un cartel impreso para traballar e ampliar dende o colectivo os propios referentes do alumnado.

Quen é Alingua?

Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, está conformada polos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía da Arousa. Ademais, a Deputación de Pontevedra súmase a esta entidade como integrante amiga.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego