O pasado 21 de marzo presentouse en Compostela a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua). Esta entidade, por agora, reunirá un total de 18 concellos: A Coruña, A Baña, Ames, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.
O obxectivo desta asociación de concellos é o de “proxectar o galego con fachenda, poñer o noso idioma no mundo” e facer de Alingua unha organización de referencia na colaboración no traballo en normalización lingüística.
A actriz Gloria Rico conduciu a gala de presentación, ao longo da cal interviñeron Alfonso Muiños, Alcalde de Rianxo; Escarlata Pampín, Concelleira de Ames e Rubén Prol, Concelleiro de Santiago de Compostela. O escritor Ismael Ramos e a creadora de contidos Todomalva tamén participaron no evento celebrado na sala Mozart do Auditorio de Galicia.
Na primeira campaña de lanzamento de Alingua, diversos rostros coñecidos do mundo da actuación, a música, o xornalismo, a danza ou a maxia subliñan mediante frases curtas o “orgullo de contar cunha lingua propia”.