A mostra fotográfica ‘Xuntos porque somos irmáns‘ homenaxea a todas as crianzas que crecen separadas das súas familias biolóxicas e que, ademais, enfróntanse á separación dos seus irmáns e irmás. A mostra de Aldeas Infantiles, culmina en Compostela o seu terceiro ano de itinerancia por varias cidades de España, poderá visitarse ata o 15 de outubro no Paseo Central da Alameda.
A inauguración da mostra contou coa participación da tenente de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Mocidade do Concello de Santiago, María Rozas, xunto co director do Programa de Acollemento en Familia Extensa de Aldeas Infantís SOS en Galicia, Antonio Chenlo.
Exposición
Aldeas Infantiles SOS expón 33 fotografías de irmáns e irmás de distintos países do mundo, como Indonesia, México, Togo, Siria, Marrocos ou Ucraína, moitas das cales foron tomadas polo fotógrafo Iván Hidalgo.
A tenenta de alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, María Rozas, agradeceu a Aldeas Infantiles SOS que elixise Santiago como unha dos cidades nas que se poderá ver esta exposición e destacou a importancia de “amosar no espazo público realidades ás que non podemos ser alleas, porque os dereitos da infancia concírnennos a todos e a todas”.
Pola súa banda, o director do Programa de Acollemento en Familia Extensa de Aldeas Infantiles SOS en Galicia, Antonio Chenlo, explicou que “as relacións fraternais ofrecen estabilidade emocional e sentido de pertenza”. Porén, moitos irmáns e irmás en acollemento son separados a pesar de que a lexislación nacional e internacional recoñece o seu dereito a permanecer xuntos. Ademais, a ausencia de cifras oficiais que ilustren esta realidade dificulta aínda máis abordar a súa situación. “Necesitamos datos e estatísticas que nos ofrezan unha visión completa para poder garantir o benestar destes nenos e nenas”, apuntou.
A organización de atención directa a la infancia traballa para que os nenos, nenas e adolescentes que crecen separados das súas familias teñan unha infancia feliz e desenvolvan relacións sas e afectivas. O feito de que os irmáns permanezan xuntos é un factor clave para logralo. A súa compañía é un soporte que non debe ser subestimado á hora de procesar experiencias traumáticas.