O xornalista Alberto Ramos, que hai dous anos gañara o Premio Narrativa Breve Repsol coa obra ‘Os corpos do Romanov’, volve facerse co galardón, nesa XVIII edición do Premio, coa novela ‘Pirotecnia’ que o xurado destaca como “unha obra narrada cun estilo impecable, que conta cunha habelencia polifónica, na que os sucesos van entretecéndose contrapuntísticamente”.
En canto a este galardón, a dotación económica ascende a 12.000 euros e, como cada ano, inclúe a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.
Entrega do galardón
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, que formou parte do xurado, agradeceu un ano máis á Fundación Repsol “o compromiso que amosa coa lingua e a literatura galegas a través deste premio, consolidado xa coma un dos máis prestixiosos da nosa cultura”. Neste senso, felicitou ao galardoado “tanto polo premio como pola súa novela, plena e orixinal, motivos polos que foi digna deste recoñecemento”.
Nesta cita, asistiron xunto co representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Natalia Barreiro, directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Xosé Manuel Soutullo, presidente de Galaxia, e Daniel Ugarte, voceiro do xurado nomeado pola Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como outros membros do tribunal.
Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela en 2009. Iniciou a súa traxectoria profesional na sección de cultura no diario Xornal de Galicia. Tras o peche da cabeceira, continuou a súa carreira como colaborador en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes e especializouse na comunicación de iniciativas culturais.
Iniciouse na crítica literaria en 2006 con Dor pantasma, título co que acadou o premio Biblos-Pazos de Galicia de novela. En 2009 gañou o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo. Fíxose co premio de creación literaria Vicente Risco en dúas ocasións: en 2012 con Todos os días e no 2018 con A simetría das bestas.
A súa novela Máscaras rotas para Sebastián Nell foi merecedora do Premio García Barros en 2014. En 2022 publicou Os corpos de Romanov, título galardoado co Premio Narrativa Breve Repsol. En 2023, acadou o premio Rafael Dieste de textos teatrais coa obra Conxo, no restraint.