Aitor Esteban, Olaia Rodil e Joan Tardá participarán nas xornadas contra a Impunidade Franquista da Deputación de Pontevedra

O debate sobre a memoria da represión franquista volve a Pontevedra para abordar a “demonización” das opcións políticas e ideolóxicas deturpadas polo réxime con relatoras como Manu Levin, Pilar Allegue, Fernando Rueda, Aitor Esteban (PNV), Olaia Rodil (BNG) ou Joan Tardá (ERC). Trátanse das IV Xornadas Contra a Impunidade Franquista organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra que se celebrarán os días 11 e 12 de novembro baixo o título ‘As ideas furtadas’. A inscrición -por estrita orde de entrada- abrirase no día de hoxe en depo.gal

As ‘Xornadas contra a impunidade franquista’ foron creadas no 2019 a fin de dispoñer dun espazo de debate aberto sobre a memoria da represión franquista. A primeira edición centrouse na impunidade dos crimes da ditadura e a adhesión de varias familias de Pontevedra á querela arxentina. Na segunda falouse da Transición, na terceira da corrupción económica do franquismo, para nesta cuarta -e durante o chamado mes da memoria- analizaranse as ideas furtadas polo franquismo.

“Escollemos as ideas furtadas como tema porque entendemos que o mantemento durante catro décadas de ditadura dun pensamento único fixo que determinadas opcións políticas e ideolóxicas fosen ‘demonizadas’ e chegasen aos nosos días deturpadas polo relato imposto. É dicir, as vítimas non só foron persoas, tamén se represaliaron determinadas ideas como o anarquismo, a masonería, o republicanismo ou os nacionalismos diferentes ao español”, destaca a deputada de Memoria maría Ortega. Podes consultar o programa e formalizar a inscrición aquí. 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego