A AGAL e Nós TV estrean documentario sobre as relacións entre a Galiza e o Norte de Portugal

A Faculdade de Ciencias Económicas da USC acolleu a estrea do documentario da Associaçom Galega da Língua ‘O diamante galego’, no que se analizan as relacións económicas, culturais e institucionais entre Galicia e o Norte de Portugal. Executado por Nós Televisión e co apoio da Deputación da Coruña, esta obra busca difundir entre a sociedade galega o actual dinamismo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e as potencialidades que a súa consolidación ten tanto para a lingua galega como para o benestar da cidadanía.

Presentado polo escritor Tiago Alves, neste documentario participan diversas personalidades do mundo da política, a empresa e a sociedade civil de ambos os dous lados da fronteira: o filósofo Antón Baamonde, autor do libro Unha nova Olanda; Teresa Táboas, arquitecta e Vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos; Pedro Puy, deputado do Partido Popular no Congreso dos Deputados; Xoan Vázquez Mao, Secretario Xeral do Eixo Atlántico; o Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller; Daniel González Palau, Director do IGADI; Enrique Sáez Ponte, Presidente da Fundación Juana de Vega; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira; António Cunha, Presidente do CCDR-N (Rexión norte de Portugal); o economista e profesor da USC, Diego Sande Veiga; o Vicepresidente da Confederación Empresarial de Portugal pola APICCAPS, Manuel Carlos Silva; Jorge Cebreiros Arce, Presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra; Alberto Rocha Guisande, Secretario Xeral da Confederación de Industrias Textiles de Galicia e o empresario galego José Ramom Pichel Campos.

O acto, que se desenvolveu na Faculdade de Ciencias Económicas da USC o pasado 14 de febreiro, contou coa asistencia de Jon Amil, presidente da AGAL, Mercedes Roson do Grupo Socialista do Concello de Santiago e Xosé Lago da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia. Posteriormente á Proxección do documerntario tivo lugar un coloquio entre o público e algunhas das persoas entrevistadas e que estaban presentes como o Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, o economista Diego Sande, o ensaísta Antón Baamonde e o empresario José Ramóm Pichel.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego