ADEGA leva ao xulgado a autorización da Xunta ao parque eólico ‘Campo das Rosas’ de Naturgy

O parque eólico afectaría a especies en risco de extinción

A organización ecoloxista ADEGA anuncia a presentación dun contencioso-administrativo contra a autorización dada pola Xunta ao parque eólico ‘Campo das Rosas’ de Naturgy. Neste parque situado nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, alén de atinxir aos montes nos que moran as bestas da Rapa de Sabucedo,existen hábitats prioritarios como as turbeiras acedas de esfagnos e especies en perigo de extinción como o licopodio das brañas.

ADEGA critica que ningún destes hábitats fora sinalado nin no EIA (Estudo de Impacto Ambiental) presentado pola empresa, nin tampouco na DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel emitida pola Xunta.

A importancia da conservación destes hábitats, segundo indica a organización ecoloxista, radica nos servizos ecosistémicos que prestan, xa que alén de seren acubillo de algúns taxóns moi exclusivos e en perigo, teñen unha grande capacidade de retención de carbono (mitigación do cambio climático) e son fundamentais para a regulación do ciclo hídrico ao funcionaren como depósitos naturais que liberan lentamente auga ao longo de todo o ano.

A organización ecoloxista ten en marcha a campaña Ti Podes Paralos! nos que apelan á sociedade para axudar cunha doazón económica a frear nos xulgados os parques eólicos que non cumpran coa lexislación vixente.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego