As obras cos títulos Mulleres que viven xuntas, Erin e o lobo e O corvo sobre a neve resultaron gañadoras do XLII Premio Xerais de Novela, o XL Premio Merlín de Literatura Infantil e o XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. As autoras dos textos son Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.
Mulleres que viven xuntas
O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada co título Mulleres que viven xuntas. Tras abrir a plica, a autora resultou ser Rocío Otero, que asina baixo o pseudónimo Abril Camino.
En 1955, despois da morte do seu pai, Isabel, que aínda non fixo os dez anos, vese na obriga de marchar para Londres, onde será acollida polos tíos. Cando en 1968 regresa á súa aldea, preto de Compostela, coñece a Chus, unha mestra que coidou da súa nai mentres ela non estaba e con quen vai iniciar unha relación de amor que durará toda a vida.
O medo ao que dirán e a manifestar de maneira aberta a súa situación sentimental en pleno réxime de represión franquista provoca que manteñan un segredo que lles vai afectar profundamente, sobre todo a Isabel, unha muller moi liberal en contraposición ás ideas máis conservadoras de Chus.
Cun estilo sobrio e cunha magnífica construción das personaxes, que van medrando a través da intercalación de distintos tempos e voces narrativas, Mulleres que viven xuntas é unha novela que interpela as lectoras e lectores para reflexionar sobre as repercusións da orientación sexual e sobre as enormes dificultades a que algunhas persoas se tiveron que enfrontar durante a represión franquista e incluso na democracia, co que iso supuxo para o desenvolvemento da súa personalidade e das súas emocións. Unha obra conmovedora tecida cos fíos de cores do amor e da paixón, mais tamén con moitas puntadas escuras de frustración pola falta de liberdade e pola dor que provoca a perda das persoas queridas.
Para a autora, a obra significa “unha homenaxe a varias xeracións de mulleres que tiveron que facer pasar como amizade sentimentos máis fondos”.
O xurado estaba composto por Mar Mato (xornalista de Faro de Vigo), Bárbara Fernández López (correctora editorial e bookstagramer en @barbibooks), Aurora Prieto Tarrío (bibliotecaria da Biblioteca Pública de Verín), Ana Viqueira (xornalista, compañeira de Nós Televisión), Xosé Antón Pedreira Mirás (libreiro en libraría Pedreira) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto. Nesta edición presentáronse 58 obras ao premio.
Erin e o lobo
Pola súa banda, a obra gañadora do XL Premio Merlín de Literatura Infantil é Erin e o lobo, escrita por Érica Esmorís. O xurado estaba formado por Ánxeles Barja Sierra (bookstagramer en @lendo_libros), Blanca Millán (ilustradora), Rosa Ana Porto Martínez (libreira en Librería Porto), Reme Vázquez (bibliotecaria infantil da rede de bibliotecas municipais da Coruña), Guillerme Rodríguez Osorio (mestre de Educación Primaria) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto. Nesta edición presentáronse 47 obras.
Erin é unha nena que vive cos seus pais nunha cabana no medio do bosque, lonxe da civilización que nunca coñeceu. Erin ten un don: a través dos relatos que nacen dun vello libro que lle regalou o pai é capaz de comunicarse cos animais salvaxes da contorna e contarlles a historia de cada un deles, que é tamén a historia de todo o bosque.
O lobo Noite vive solitario, desterrado da manda por uns terribles feitos do seu pasado. Todos no bosque cren que é unha besta sanguinaria menos Erin, que pode ler a súa verdadeira historia no vello libro. O lobo axiña intúe que só a nena poderá axudalo a recuperar a confianza en si mesmo para deixar de vivir coma unha sombra. Pero Noite non sabe que os pais de Erin decidiron outro destino para ela.
A obra presentada baixo o título Erin e o lobo é unha intensa e emotiva novela escrita desde o corazón sobre a comuñón coa natureza, a crianza, a autoestima, as segundas oportunidades e o poder absoluto do amor. A novela narra unha temeraria aventura protagonizada por unha nena valente e un lobo solitario, na cal, segundo destacou o xurado da XL edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, a eficaz combinación entre unha evocadora descrición de lugares e personaxes de gran carga simbólica e o ritmo áxil dunha acción ben tramada contribúe a construír un relato épico, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar á acción e á aventura.
O corvo sobre a neve
Por último, o xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora a obra titulada O corvo sobre a neve, presentada baixo o lema Sosias, que resultou ser de Andrea Maceiras.
Intentando fuxir da Zona Temperada, a nave onde Dryas viaxaba xunto coa nai e mais o irmán pequeno é atacada. El é o único supervivente. Falamos da era da Glaciación, onde, se sobrevivir xa non é sinxelo, un pasado oculto e descoñecido e a organización da comunidade pode poñercho aínda máis complicado.
A medio camiño entre a fantasía, a ficción científica, a novela distópica e mesmo a aventura, O corvo sobre a neve é unha viaxe pola supervivencia nun mundo hostil onde os lobos parecen os únicos aliados.
Unha historia que converte a IA en coprotagonista para abordar temas como as consecuencias do cambio climático, a inxustiza social ou a emigración.
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil destacou a calidade da obra presentada, así como o bo emprego da lingua nunha narración limpa con trazos líricos cuxo final, predicible e ao mesmo tempo inesperado, contrasta coas duras vivencias dos personaxes ao longo da trama. Que agocharán e cales serán os libros polos que a nai de Dryas sacrificou a súa vida?




