Abre o prazo para presentarse aos Premios Xerais 2023

Xerais convoca unha nova edición do Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil polo que o prazo para a entrega de orixinais queda aberto ata o 24 de marzo de 2023. Ata entón, poderán enviarse as obras candidatas ao local social de Xerais (rúa Doutor Marañón, 12, 36211, Vigo).

O Premio Xerais de Novela chega neste 2023 á súa cuadraxésima edición, cunha traxectoria que leva premiado a autoras e autores como Darío Xohán Cabana, Carlos González Reigosa, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros ou Berta Dávila que na pasada edición se fixo con dous dos Premios Xerais. Ademais, este ano Premio Jules Verne cumpre 15 edicións e esta será a trixésimo oitava convocatoria do Premio Merlín.

Os xurados de cada categoría conformaranse tras a recepción das obras e os seus integrantes serán anunciados no mes de maio. Como é habitual, estará formado por lectoras e lectores que non se dediquen de forma profesional á literatura. No mes de xuño celebraranse dúas xuntanzas para escoller as obras finalistas e as gañadoras dos tres premios. Xa no outono, terá lugar a Festa Xerais, na que se entregarán os Premios cos tres libros publicados.

Cada un dos tres premios contempla a publicación das obras gañadoras nas coleccións de Narrativa, Fóra de Xogo e Merlín de Xerais. Ademais, terán unha dotación económica de 10.000 euros.

Calquera autor ou autora pode participar no premio sempre que presente o seu orixinal en lingua galega conforme á normativa vixente. Os textos teñen que ser inéditos na súa totalidade. Ademais, as persoas que xa gañasen algunha das cinco edicións anteriores non poderán presentarse a esta.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego