A Unión de Cooperativas EspazoCoop, EAPN Galicia (Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social), a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e Fiare Banca Ética celebraron esta semana unha visita institucional á súa nova sede compartida en Santiago de Compostela. O acto contou coa participación de representantes da Xunta de Galicia, como Marta Mariño, Directora Xeral de Economía Social, e Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social, ademais de representantes das entidades organizadoras e doutros axentes do sector social e cooperativo galego.
Este novo espazo representa moito máis ca unha sede física; é un punto de encontro estratéxico para reforzar a cooperación e o traballo en rede entre organizacións que comparten un obxectivo común: transformar a sociedade a través da inclusión social, a economía solidaria e a xustiza global. A coincidencia desta inauguración co Día da Xustiza Social reforzou o simbolismo dun proxecto que busca crear sinerxías para dar resposta aos retos sociais e económicos de Galicia.
Un proxecto que fortalece a cooperación entre entidades
A nova sede compartida simboliza un novo modelo de colaboración entre entidades que traballan por un mundo máis xusto e sostible. EspazoCoop, que representa 270 cooperativas galegas, aposta por un modelo empresarial baseado nos valores sociais e na economía solidaria. EAPN Galicia, con 160 organizacións adheridas, loita contra a pobreza e a exclusión social. A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento agrupa 47 entidades comprometidas coa solidariedade e a cooperación internacional. Pola súa parte, Fiare Banca Ética, con 290 socias entre persoas físicas e xurídicas, promove un sistema financeiro alternativo que pon no centro ás persoas e o ben común.
O proxecto tamén conta co apoio de entidades como a Fundación FABRE, Coop57 e REAS Galicia, que desempeñan un papel clave no impulso da economía social e solidaria. Xuntas, estas organizacións traballan para ofrecer solucións innovadoras aos desafíos sociais e fomentar un modelo de desenvolvemento que garanta a igualdade de oportunidades.
Na súa intervención, o director xeral de Inclusión Social felicitou ás entidades polo seu traballo diario na loita contra a exclusión social, na defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables e promovendo iniciativas transformadoras, mentres a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, fixo fincapé en que a nova sede compartida polas catro entidades exemplifica á perfección o valor da cooperación implícito na propia economía social, facendo fincapé na importancia de traballar xuntos, sumar esforzos e construír un futuro máis inclusivo e equitativo.
Chamamento por unha Galicia máis xusta e sostible
Durante a visita, as entidades reafirmaron o seu compromiso de continuar impulsando políticas e proxectos que garantan o benestar da cidadanía e promovan un tecido social máis resiliente e colaborativo. Pola súa banda, Ana Olveira Blanco, presidenta de EspazoCoop, destacou que “o cooperativismo galego dá un paso máis cara á consolidación dun modelo empresarial baseado na equidade e a participación, e esta sede compartida é unha oportunidade para ampliar o impacto das cooperativas na sociedade“.
Desde EAPN Galicia, o seu vicepresidente Javier Hermida sinalou que “a pobreza e a exclusión social son desafíos que só poden abordarse de forma conxunta e integral. Este espazo permítenos traballar de maneira máis coordinada para garantir os dereitos das persoas en vulnerabilidade e reforzar e visibilizar o esencial traballo das entidades do Terceiro Sector Social galego“.
María Paz Gutiérrez, presidenta da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, subliñou que “a cooperación internacional e a solidariedade son fundamentais para a transformación social. Este proxecto permítenos fortalecer alianzas entre organizacións que traballamos pola defensa dos dereitos humanos“.
Desde Fiare Banca Ética, Juan Garibi, director da sección española da cooperativa Banca popolare ética, resaltou que “un sistema financeiro ao servizo da xustiza social precisa espazos onde se constrúan alternativas éticas e sostibles ao modelo económico tradicional“.
A visita institucional concluíu cun chamamento a seguir fortalecendo a cooperación entre entidades sociais, administracións públicas e axentes económicos, co obxectivo de avanzar cara a unha Galicia máis inclusiva, sostible e xusta.