A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os VII Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
A CTNL creou os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego en 2019 para recoñecer accións, campañas, proxectos e programas que teñen como finalidade promover o uso e o prestixio da lingua. Esta iniciativa busca difundir o bo labor de promoción da lingua galega, compilar accións ou campañas que poidan servir como modelos e transmitir unha imaxe positiva do traballo de promoción do uso e prestixio da lingua.
En que consisten os Premios Mil Primaveras?
Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que busquen a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Nesta sétima edición as candidaturas deben ter vixencia en 2022, 2023, 2024 ou 2025.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase o recoñecemento e a difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado, a través dun acto público de entrega e coa publicación dos proxectos seleccionados no web www.milprimaveras.gal, tal e como están agora os 32 proxectos elixidos nas seis edicións anteriores.

Participación, inscricións e prazo
A participación nos premios é voluntaria e os programas de normalización lingüística candidatos deben ser presentados polas entidades ou persoas que os desenvolveron. Só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.
Todas as candidaturas teñen que ser de programas, proxectos ou accións xa desenvolvidas. Non se valorarán propostas de accións pendentes de executar nin se premiarán traxectorias de entidades, senón programas concretos executados. Tampouco se poden presentar aos VII Premios Mil Primaveras (2025) os proxectos recoñecidos nas seis edicións anteriores.
A inscrición faise a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal. Os proxectos deben presentarse por separado e non hai límite no número de candidaturas que pode rexistrar cada entidade ou persoa.
O prazo para inscribir proxectos estará aberto do 8 de outubro de 2025 ao 31 de xaneiro de 2026.
Xurado e criterios de valoración
Nomearase un xurado que avaliará as candidaturas presentadas e escollerá as premiadas de acordo coas bases. Estará formado por técnicos/as de normalización lingüística, responsables de equipos de normalización e dinamización lingüística e persoas que teñan experiencia en planificación lingüística, intervención social ou comunicación. Non formarán parte del promotores/as de accións candidatas.
Os VII Premios Mil Primaveras (2025) promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.



