Aberto o prazo para participar na XXIII edición dos Premios Manuel Beiras

O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago convocan a XXIII edición dos Premios Manuel Beiras que distinguen ás empresas que empregan habitualmente o galego nos ámbitos empresarial e comercial.

As entidades, que xa poden presentar a súa candidatoria, deben achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida destes datos, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas  que, ademais de incluír un autodiagnóstico, contribúe á súa difusión pública ou poden elaborar unha pequena memoria. Nesta mesma a web atoparán unha guía que o facilita. A organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.

A convocatoria dese ano rematará co habitual acto de entrega dos premios ás empresas que o xurado elixa, un evento previsto para o 19 de decembro no Teatro Principal, ás 20 h. A gala estará conducida polo grupo Os da Ría.

Neste 2022, as accións publicitarias xiran arredor do lema PRENDE O GALEGO. BRILLA CON LUZ PROPIA. Tendo en conta a crise enerxética actual e as dificultades e esixencias que provoca, buscamos chamar a atención sobre un recurso que os negocios teñen á man para poñerse en valor e conectar co público compostelán: o uso da nosa lingua, un elemento diferencial nun mercado cada vez máis global que establece vínculos coa comunidade.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego