Aberto o prazo de inscrición para o grao en Traballo Social da UVigo ata o 31 de xullo

Desde xa e ata o 31 de xullo, permanece aberto o prazo de inscrición no grao de Traballo Social que a Universidade de Vigo imparte na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Precisamente, este grao vén de reforzar o seu papel no ámbito estatal coa entrada na xunta directiva da Asociación Universitaria Española de Trabajo Social (AUETS), organismo que ostenta a representación institucional desta área de coñecemento en España.

Amosando a súa satisfacción por entrar a formar parte da directiva desta asociación, o vicedecano de Traballo Social do campus de Ourense, Francisco Javier Aguiar, explica que nun momento de grande envellecemento e caída poboacional e de incremento da vulnerabilidade social, “é máis importante que nunca reforzar as políticas sociais e os estudos de Traballo Social”, implicándose neste caso na rede estatal que representa as titulacións desta área.

En Ourense, lembra, impártese un Grao en Traballo Social, único totalmente público no Sistema Universitario de Galicia, que capacita ao alumnado e aos futuros profesionais para intervir e dar atención directa a persoas, familias e grupos que se atopan en situación de vulnerabilidade social pero tamén para detectar necesidades na poboación, para orientar as políticas sociais e para facer dinamización comunitaria e recuperación de tecido social. “Estamos en sociedades convulsas, nas que en moitas ocasións se poñen en risco dereitos sociais e máis que nunca necesitamos formar a persoas que se queiran comprometer cos cambios sociais, con sociedades máis xusta de benestar”, afirma o responsable académico.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego