Abertas as convocatorias dos XXXIX Premio Manuel García Barros e o VII Premio Alberte Quiñoi

A ESTRADA ABRE UNHA NOVA CONVOCATORIA DOS PREMIOS MANUELGARCÍA BARROS E ALBERTE QUIÑOI, QUE SUMAN 13.000 EUROS O Concello difunde as bases das novas edicións dos seus certames denovela e álbum ilustrado, que se suman á longa traxectoria municipalde recoñecementos á creación literaria e cultural galegaA Estrada, 17 de novembro de 2026.-

O Concello da Estrada vén de publicar as bases dunha nova edición de dous dos seus certames culturais: o XXXIX Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) e o VII Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado. Son dúas convocatorias que, acadando conxuntamente unha dotación económica de 13.000 euros, buscan apoiar a creación, recoñecer o talento e contribuír á difusión da cultura e da literatura en lingua galega.

Ambos os dous premios forman parte dunha traxectoria consolidada de apoio municipal á creación cultural, na que tamén se enmarcan o Premio de Poesía Avelina Valladares, o Premio de Xornalismo Manuel Reimóndez Portela ou o Premio de Teatro Varela Buxán.

O XXXIX Premio de Novela Manuel García Barros, que leva o nome do escritor estradense coñecido como Ken Keirades, conta cunha dotación de 9.000 euros. Poderán concorrer autoras e autores de calquera nacionalidade, agás as persoas gañadoras das cinco últimas edicións, sempre que presenten obras inéditas e totalmente orixinais, escritas en lingua galega conforme á normativa oficial vixente.

Os orixinais deberán presentarse por quintuplicado en papel, acompañados dunha copia dixital en formato PDF, na Casa do Concello da Estrada antes do 31 de xaneiro de 2027. Entre os criterios de valoración do xurado figuran a calidade literaria (en especial trama, ritmo narrativo e creación de personaxes), a orixinalidade e o valor cultural da proposta, así como a calidade e o coidado da lingua empregada. A obra gañadora será publicada por Editorial Galaxia.

Pola súa banda, o VII Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado está dirixido a obras ilustradas de tema libre, inéditas e en calquera medio ou soporte, destinadas ao público infantil. As bases establecen que texto e ilustración deben ter unha importancia equivalente, de maneira que ambos os elementos sexan valorados conxuntamente. Poderán presentarse tanto obras completas como proxectos, que deberán incluír un mínimo de oito páxinas rematadas, ademais da escaleta completa do guión ou do storyboard. Os álbums deberán ter entre 24 e 48 páxinas, sen contar cuberta e contracuberta, e presentarse en lingua galega. O premio único está dotado con 4.000 euros e a obra gañadoraserá publicada por Editorial Galaxia.

A valoración do xurado terá en conta, entre outros aspectos, a calidade textual e visual, a interacción entre texto e imaxe, a orixinalidade, o valor cultural da proposta ou a calidade lingüística. Valoraranse a capacidade do álbum para xerar educación en valores. As dúas convocatorias están promovidas polo Concello da Estrada coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e de Editorial Galaxia. As bases completas poden consultarse na páxina web municipal.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego