Aberta a inscripción dos Premios Youtubeiras 2022: 7.500 euros en premios e 8 categorías

Dende hoxe ata o 15 de novembro, podes inscribirte nos Premios Youtubeiras 2022.Na rolda de prensa de presentación dos galardóns, o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, destacou que “esta iniciativa, que xorde da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, ten como meta consolidar e ensanchar a comunidade creadora na nosa lingua na Rede”.

Na rolda, na que tamén participaron a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga; o concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamaría, e a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda, fíxose fincapé na apertura de novos espazos de aprendizaxe especializada para youtubeiras, incentivar a súa profesionalización e poñer en valor a súa figura, como tamén fomentar temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube ou a visibilizar a creación no Youtube na nosa lingua. “En definitiva, crear liñas de acción para que Youtubeiras sexan máis ca uns premios”.

Quiroga, pola súa banda, centrou a súa intervención en esmiuzar as novidades das bases deste ano. Nese sentido, aproveitou a ocasión tamén para celebrar o “compromiso inequívoco coa lingua” das 12 institucións organizadoras. Tras este recoñecemento, lembrou que os galardóns entregarán 7.500 euros en premios entre oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público.

Premios Youtubeiras

Para acceder ás bases dos VI Premios Youtubeiras debes acceder á web do proxecto. Este ano haberá varias novidades entre as que destaca a participación de canles cun único vídeo publicado e unha reestruturación de categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso finalizará o 25 de novembro.

Organización

Un ano máis a iniciativa está organizada por servizos de normalización lingüística de diferentes administracións; en concreto os dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, os das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e o da Deputación da Coruña.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego