Edicións Xerais abre esta semana a convocatoria dos Premios Xerais 2027, que recoñecerán obras inéditas en lingua galega nas súas tres categorías: a XLIV edición do Premio Xerais de Novela, a XLII do Premio Merlín de Literatura Infantil e a XIX do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Cada un dos galardóns está dotado con 10.000 euros.
Poderán participar autores e autoras de calquera nacionalidade con obras inéditas, totalmente orixinais e escritas en lingua galega. As bases prohiben expresamente o uso da intelixencia artificial na redacción dos textos e exclúen as persoas gañadoras dalgunha das sete edicións anteriores. Cada obra só poderá presentarse a unha das tres categorías.
Os orixinais deberán entregarse baixo lema, sen datos identificativos, en seis copias impresas e encadernadas, acompañadas dunha versión dixital en PDF. Nun sobre pechado achegaranse os datos persoais da autoría e o título da obra. O prazo para a recepción de títulos remata o 1 de marzo de 2027 e a documentación deberá enviarse ou entregarse na sede de Xerais (rúa Doutor Marañón 12, Vigo).
As bases completas poden descargarse dende a páxina web da editorial e estarán tamén dispoñibles en papel no stand de Xerais no Culturgal, que se celebra en Pontevedra durante esta fin de semana do 27 ao 29 de novembro.
Xurados e a Festa Xerais
Cada premio contará cun xurado independente formado por cinco membros escollidos entre lectores e lectoras e un secretario ou secretaria de Xerais, con voz pero sen voto. A composición dos xurados e os veredictos anunciaranse na primavera. No mes de xuño celebraranse as xuntanzas de deliberación para avaliar as obras e escoller as finalistas. A entrega dos tres galardóns celebrase no outono, durante a xa mítica Festa Xerais.
Con esta nova convocatoria, Edicións Xerais avanza no seu compromiso para dar voz a autoras e autores e promover o uso da nosa lingua na literatura, achegándolla aos públicos de todas as idades.



