Aberta a convocatoria do ‘Festival Pezas dun teatro do porvir’, o evento da dramaturxia galego-portuguesa

Xa está aberta a convocatoria para o VI Festival Pezas dun teatro do porvir Galiza + Portugal no que serán seleccionados sete proxectos de artes escénicas que utilicen textos en galego/portugués, individuais ou colectivos, para un espectáculo en calquera das modalidades e xéneros das artes escénicas. Debe tratarse dunha peza ou proposta escénica que estea en proceso de creación/realización e cumprir cunha serie de requisitos que podes atopar na páxina da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima como convidados

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.

No seo das xornadas naceu o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival que busca impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.

Dentro do programa inclúese unha Masterclass arredor do tema “A descentralización na programación de artes escénicas en Portugal, o caso do Teatro Diogo Bernardes”. “Sempre se considerou que as artes escénicas son un fenómeno metropolitano, para cidades grandes. A oferta maior sempre está nas capitais, incluso no que atinxe aos teatros públicos que non moven as súas producións. Isto xera unha periferia marxinada no que se refire ao acceso ás artes escénicas. Queremos convidar a unha directora ou director artístico de algún teatro portugués que estea a traballar neste ámbito para que nos conte os retos”, salientan desde a organización. A persoa que a vai impartir é Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima (Portugal).

O evento terá lugar o 18 de novembro de 2023 no Forum Metropolitano da Coruña.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego