Aberta a convocatoria do ‘Festival Pezas dun teatro do porvir’, o evento da dramaturxia galego-portuguesa

Xa está aberta a convocatoria para o IX Festival Pezas dun teatro do porvir Galiza + Portugal no que serán seleccionados sete proxectos de artes escénicas que utilicen textos en galego ou portugués, individuais ou colectivos, para un espectáculo en calquera das modalidades e xéneros das artes escénicas que estea en proceso de creación ou realización.

Pódense presentar ata o 25 de setembro.

Xurado

Un comité de selección, formado por Afonso Becerra, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro (TRC) da Coruña e Célia Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Português em Vigo (Camões–CCP em Vigo), baseándose en criterios artísticos, escollerá 4 propostas de Galiza e 3 propostas de Portugal, para seren (re)presentadas no IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal.

O Festival celebrarase o 25 de outubro

O festival terá lugar dentro da XI Xornada da Sección de Literatura Dramática 2026, o domingo 25 de outubro de 2026, no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña dende as dez da mañá e ata as nove da noite. O evento está organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e o Camões-Centro Cultural Português em Vigo

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego