Tres protagonistas e tres desafíos diferentes para un mesmo retrato: o da mocidade neofalante na Galicia de 2023. Ese é o resumo apurado para definir O gran reto. 24/7 en galego, webserie que se enmarca dentro da campaña E túa! Pásaa! que impulsa Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega). Esta serie, ideada para espallar polas redes e contactar así coas novas xeracións, condensa a experiencia de tres persoas castelanfalantes de entre 18 e 26 anos que se comprometen a desenvolver integramente o seu día a día en galego ao longo de tres semanas, tempo preciso para adquirir un novo hábito.
Este trío de protagonistas amosa este achegamento á nosa fala ao longo de tres episodios diferentes, no que se enfrontan a nove desafíos cotiás que superan empregando o galego. Cada un destes capítulos lánzase os mércores nas redes e a través do Youtube de Alingua. Todos eles contan coa condución da creadora de contidos María Prado Rúa, quen se encarga de enfiar as entregas de O gran reto. A serie convida a pasar o reto para que máis xente se anime a dar o cambio, compartir a experiencia nas redes sociais, etiquetando á Alingua e usando o cancelo #ogranreto.