Un modelo de intelixencia artificial da famosa cantante, presentadora e actriz Ana Kiro representará a Galiza co equipo PAMP! e a canción “Florespiña” no AI Song Contest, a Eurovisión mundial da intelixencia artificial, que se celebrará o sábado 4 de novembro na Coruña.
Galicia está clasificada na Gran Final do AI Song Contest 2023, despois de ter acadada a medalla de prata o ano pasado con “AI-Lalelo” e organizar este ano o festival, que terá lugar o 4 de novembro na Coruña, co apoio de ducias de entidades, entre elas Nós Televisión.
Ana Kiro no AI Song Contest 2023
María Dolores Casanova González, máis coñecida como Ana Kiro, foi unha muller adiantada ao seu tempo: feminista, galeguista e progresista. Nada en 1942, e finada en 2010, a voz de Ana Kiro sonará nun certame internacional da man da intelixencia artificial.
A candidatura está formada por un grupo multidisciplinar de doce persoas artistas, enxeñeiras, investigadoras e músicas galegas que conseguiu a segunda posición con “AI-Lalelo” o ano pasado neste festival, e que este ano contou coa colaboración do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A iniciativa está liderada polo director creativo Joel Cava, responsable da delegación galega e produtor executivo da edición 2023.
Florespiña
O tema rende homenaxe á popular intérprete cunha viaxe musical do pasado ao futuro da artista, incluído unha nova versión dela no metaverso, co obxectivo de inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial.
A proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, comeza cun recitado emotivo da filla adoptiva de Mera (Oleiros), que volta tras 13 anos de ausencia polo seu pasamento. A raíña da música lixeira alenta ás galegas e galegos a defender unha nova Galicia contra o asoballamento, o conformismo e a autocomplacenza.A obra pódese escoitar nas principais plataformas de música en streaming.
“Florespiña” competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o mundo na Gran Final deste concurso internacional, impulsado inicialmente en 2020 polas radiotelevisións públicas neerlandesas VPRO e NPO coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión e organizado despois pola fundación Stichting AISC.
Será un programa de televisión en directo con público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital mundial da música feita con intelixencia artificial. Será tamén unha ocasión para dar visibilidade á futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que nacerá en Galicia como primeiro organismo no seu ámbito do mundo. As entradas da gala xa están á venda.
Proxecto de investigación Ana María Prieto
As persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome “Ana María Prieto”, un proxecto de investigación como tributo á primeira muller programadora informática galega. O grupo está formado por Juan Alonso, Javi Cardama (CiTIUS), César Díaz (CiTIUS), Fernando Estévez (CiTIUS), Camille Hedouin (Mounqup), Sofía Infante, Ruben Laso (CiTIUS), Eva Outeiro, Xandre Outeiro, David Santos e Marta Verde, coordinados por Joel Cava, e todas contemplan a intelixencia artificial só como ferramenta colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do proceso creativo, e sempre seguindo un uso ético, responsable e transparente para promover a lingua e cultura de Galicia.